Xornalistas Galegas estrea o ano de Begoña Caamaño divulgando o seu legado nunha conversa con Ana Romaní, Sonia Díaz e Lucía Junquera

A escritora Marga Tojo conducirá o tributo na libraría Lila de Lilith de Compostela o vindeiro venres 6 de marzo ás 19 horas, co que a asociación conmemora o 8M e exalta unha referente do xornalismo e do feminismo

Xornalistas Galegas, colectivo de mulleres da comunicación a prol dun xornalismo con perspectiva feminista, estreará este venres o ano de Begoña Caamaño –á que a Real Academia Galega dedica as Letras Galegas de 2026- cunha actividade divulgativa centrada no legado da xornalista feminista falecida en 2014. A escritora Marga Tojo, directiva de Xornalistas Galegas, conducirá o tributo no que participará Ana Romaní, xornalista, académica e unha das impulsoras da candidatura de Caamaño ás Letras, xunto coas tamén xornalistas Sonia Díaz e Lucía Junquera.

A conversa terá lugar o vindeiro venres 6 de marzo na librería Lila de Lilith de Compostela e con ela Xornalista Galegas celebra o 8M, Día da Muller. Será ás 19 horas e está aberta de xeito gratuíto a todo o público interesado. Este tributo preséntase como un achegamento emotivo e un recoñecemento conxunto a Begoña Caamaño por parte das súas compañeiras de profesión, tanto as intervintes como o colectivo que o impulsa.

A conversa reunirá a lembranza de Ana Romaní e Sonia Díaz que traballaron xunto a Caamaño. Romaní, unha das voces fundamentais da poesía e o xornalismo cultural, referente da radio pública galega onde foi compañeira de Begoña Caamaño no Diario Cultural, é autora da súa biografía para a proposta ás Letras Galegas. Sonia Díaz, xornalistas especializada en comunicación audiovisual compartiu traxectoria vital, amizade e carreira profesional no ámbito cultural con Begoña Caamaño. Finalmente participará tamén na charla Lucía Junquera, xornalista, fotógrafa e investigadora especializada na obra da homenaxeada.

Deixar un comentario