Manifesto – Por un xornalismo feminista

Mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación, xornalistas, fotoxornalistas, comunicadoras, formadoras, investigadoras, técnicas audiovisuais e demais produtoras de información en calquer soporte mediático, coincidimos na necesidade de articular un colectivo profesional feminista que impulse a produción dun xornalismo con perspectiva de xénero que se reflicta tanto na información que xeramos como nas condicións nas que a elaboramos, é dicir, un xornalismo con perspectiva de xénero externa e interna.

Como mulleres padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e como xornalistas estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible. Na nosa dobre condición de mulleres xornalistas enfrentámonos como noutros sectores á precariedade laboral, a fenda salarial, o teito de cristal, o chan pegañento, o ninguneo ou o paternalismo. Pero tamén á contradición de formar parte dunha poderosa maquinaria de creación de opinión, o chamado cuarto poder, que demasiadas veces non achega ao mundo a necesaria loita pola igualdade que todas e todos debemos esixir aos medios, empresas e entidades de comunicación.

Porén, a nosa condición de xornalistas outórganos tamén unha oportunidade única de revertir esta situación e incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa aos medios de comunicación e plataformas informativas públicas e privadas un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real. Temos nas nosas mans o maior altofalante da sociedade actual: os medios de comunicación, axentes socializadores e formadores de opinión. De nós depende comprometelos coa causa feminista na procura da erradicación definitiva do machismo e o sexismo.

Depende só de nós, pero de todas nós. Por iso imos traballar unidas, conformando unha rede de seguridade para todas as mulleres xornalistas –entendendo sempre o termo en sentido amplo, como todas as que facemos posible os contidos informativos- de modo que ningunha volva sentirse soa nesta causa. Porque despois das mobilizacións masivas en toda Galicia e en toda España o 8M, as mulleres e nomeadamente as mulleres xornalistas, temos aprendido que as nosas voces xuntas chegan ata onde nós decidamos. Témonos empoderado nun momento histórico clave para o desenvolvemento futuro da muller e temos substituído a vella concepción do xornalismo como un oficio competitivo e individualista pola idea renovada dun xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común. E o noso ben común non é outro que un xornalismo honesto e comprometido que só se pode acadar se interioriza de xeito definitivo a perspectiva de xénero para acadar unha sociedade xusta e igualitaria. O xornalismo será feminista, ou non será.

Por iso as asinantes deste manifesto comprometemos o noso esforzo conxunto para crear un colectivo de xornalistas feministas galegas que permita avanzar na consecución dos seguintes obxectivos:

1. Visibilizar á muller nos medios de comunicación, como especialistas, opinadoras e expertas en diferentes ámbitos, equiparando a súa presenza coa masculina.

2. Desestigmatizar a presenza da muller na información a través da erradicación de ofensas de xénero, roles sexistas, estereotipos de xénero e difundindo iniciativas que contribúan á igualdade.

3. Instaurar o tratamento especializado da violencia de xénero nos contidos dos medios a través da formación deontolóxica e a instalación da perspectiva feminista nos editores de contidos.

4. Realizar unha “vixilancia feminista” dos contidos dos medios e denuncia pública e directa das publicacións machistas ou sexistas.

5. Promover iniciativas profesionais feministas que eduquen e xeren conciencia social.

6. Incrementar a presenza das mulleres nos postos de responsabilidade das empresas de comunicación e rachar o teito de cristal.

7. Controlar o cumprimento real das medidas de conciliación familiar e laboral con especial atención á particularidade dos horarios dos medios de comunicación e tarefas xornalísticas en xeral.

8. Avaliar e reorientar a situación laboral da muller en ámbitos concretos da produción xornalística –acabar coas temáticas femininas, atención ás xornalistas deportivas, eliminación de estigmas laborais de xénero…

9. Integrarnos nas iniciativas de xornalistas e comunicadoras feministas estatais vinculadas á plataforma Las periodistas paramos, xurdida a raíz das mobilizacións do 8 de marzo de 2018.

10. Colaborar con outras iniciativas feministas e entidades do ámbito da comunicación implicadas na consecución dun xornalismo con perspectiva de xénero.

Santiago, 7 de xullo de 2018.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s