Xornalistas Galegas fai un chamamento aos poderes públicos para a compatibilidade das convocatorias de prensa e a conciliación

Co gallo do Día da Muller, a asociación promove unha racionalización dos horarios dos actos que requiren cobertura informativa para contribuír á conciliación das mulleres dos medios, que afrontan dificultades engadidas derivadas da natureza da súa profesión

Santiago, 8 de marzo de 2023. A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, fai un chamamento aos poderes públicos para a compatibilidade das convocatorias de prensa e a conciliación. Co gallo da conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, o colectivo vén de remitir ás administracións públicas e partidos políticos un escrito para promover a racionalización dos horarios dos actos que requiren cobertura informativa co obxectivo de contribuír á conciliación das mulleres dos medios de comunicación, que afrontan dificultades engadidas derivadas da natureza da súa profesión. 

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, apela á responsabilidade social dos poderes públicos na aplicación real das medidas de conciliación que se recollen nos seus idearios. “Entendendo e reivindicando a conciliación como un problema de Estado que debe ser afrontado de xeito profundo e transversal polas Administracións públicas, na súa tarefa de control dos dereitos laborais de todas as traballadoras, este 8M dende Xornalistas Galegas solicitamos unha medida concreta inmediata, que, lonxe de dar solución á problemática da conciliación, si contribúe a visibilizar un primeiro paso do compromiso dos poderes públicos nesta materia: a compatibilidade entre as convocatorias de prensa e a conciliación das profesionais”, expón o colectivo.  

Entre as accións concretas que as xornalistas reclaman no seu chamamento atópase a petición de que se teña en conta o criterio da conciliación das mulleres dos medios de comunicación á hora de realizar convocatorias de prensa, minimizando aquelas que, por horario –tarde-noite, fins de semana, festivos…, etc–, agravan as dificultades das xornalistas para conciliar. Así mesmo, a asociación reivindica o uso das tecnoloxías da comunicación e a información como vía de promoción de cara á cidadanía nos aspectos que non requiren unha cobertura informativa profesional, centrando as convocatorias de prensa naqueles actos nos que a cobertura presencial conleva un enriquecemento da información. 

Para subliñar estas demandas, a asociación promove en redes sociais o cancelo  #8mAsXornalistasConciliamos

Xornalistas Galegas aplaude a perspectiva de xénero nunha compilación de informacións dos medios galegos e estatais con motivo do 8M

O colectivo difunde a través da súa web e redes sociais máis de medio centenar de pezas publicadas no último ano nas que se promove a visibilización das mulleres como referentes e a desaparición dos roles sexistas

O recoñecemento a figuras pioneiras, loita contra estereotipos, o afondamento na diversidade feminina, ou a análise das desigualdades sociais por razón de sexo son algúns dos principios que rexen nos exemplos de xornalismo feminista

Santiago, 7 de marzo de 2024. Xornalistas Galegas, asociación en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista, aplaude a perspectiva de xénero presente en máis de medio centenar de informacións recompiladas a modo de escolma polo colectivo con gallo do 8 de Marzo, Día Internacional das mulleres. A través da súa páxina web e redes sociais, Xornalistas Galegas pretende contribuír á difusión destes traballos e exemplificar con eles as recomendacións que rexen o xornalismo en defensa da igualdade entre mulleres e homes. 

A compilación inclúe informacións, reportaxes e análises publicadas polos medios de comunicación estatais e galegos ao longo do último ano nos que se amosa a perspectiva feminista e a vontade de empregar o xornalismo como ferramenta contra o machismo. Trátase dunha escolla parcial a modo de exemplo da importante labor a favor da igualdade que realizan xornalistas de diversas cabeceiras. Deste xeito a asociación quere recoñecer e agradecer o seu traballo e axudar a súa maior divulgación. 

Todas as pezas seleccionadas contan co común denominador de promover a visibilización das mulleres máis aló de roles sexistas e situándoas como referentes sociais. Ademais aplican principios como o recoñecemento a mulleres pioneiras en ámbitos masculinizados, a loita contra estereotipos, o afondamento na diversidade feminina ou a análise das desigualdades sociais por razón de sexo. Entre as pezas seleccionadas atópanse traballos de Patricia Calveiro e Tamara Montero, en La Voz de Galicia; Alba Chao, Elena Ocampo e Carolina Sertal, en Faro de Vigo; Patricia Casteleiro en La Región; Belén Teiga en El Correo Gallego; Nieves Neira en El Progreso; Ana G. Liste en Praza Pública; Susana Rois en Nós Diario; ou Cláudia Morán e Marga Tojo en El Salto Diario, así como pezas de TVG, TVE, Cadena Ser e Onda Cero.

Os enlaces para acceder ás informacións completas atópanse dispoñibles na páxina web da asociación, na seguinte ligazón e a través das contas de Xornalistas Galegas en Twitter, Facebook e Instagram baixo a etiqueta #AsíSi.

Máis dun cento de xornalistas e comunicadoras galegas dan conta de situacións de violencia machista e acoso sexual 

Xornalistas Galegas realiza unha consulta a profesionais no marco do 25N para dar a coñecer testemuños reais de prácticas discriminatorias comúns nas empresas de comunicación

Comentarios incómodos, tocamentos, chantaxe sexual, presións, fontes violentas, bolseiras acosadas e abusos de poder son algunhas das agresións que relatan as participantes

O 60% das consultas traballa no ámbito da televisión, dos gabinetes e da prensa escrita, aínda que hai representación de todos os formatos e medios

Santiago, 22 de novembro de 2023. A asociación Xornalistas Galegas, colectivo en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista, realizou entre outubro e novembro de 2023 unha consulta á que responderon 127 xornalistas e comunicadoras galegas asociadas e achegadas. A consulta, que forma parte das accións que o colectivo desenvolve co gallo do Día internacional para a erradicación da violencia de xénero, ten como obxectivo visibilizar situacións vividas no exercicio profesional do xornalismo ou da comunicación arredor do acoso sexual. Achégase a este contexto tanto de xeito cualitativo, co relato testemuñal das profesionais, mais tamén aproximándose cuantitativamente a temas vencellados, como a existencia e o coñecemento de protocolos de actuación fronte ao acoso dentro das empresas da comunicación.  

A consulta realizada por Xornalistas Galegas non ten ánimo estatístico, senón que serve de aproximación a unha cuestión sobre a que medra a conciencia, tanto social como interna, no seo da profesión. Tres de cada dez xornalistas e comunicadoras galegas consultadas afirmou que tivo que soportar ou ser testemuña de acoso ou agresión sexuais na contorna laboral. Case oito de cada dez (78%) asegura que sufriu en primeira persoa comentarios ou actitudes machistas no seu traballo por parte de compañeiros, xefes, clientes ou fontes. E o 86% foi testemuña de comentarios ou actitudes machistas cara a outras mulleres. 

Ademais das preguntas concretas en relación coa violencia machista formuladas na consulta, Xornalistas Galegas convidou as participantes a exemplificar a discriminación que se vive no día a día da profesión co testemuño real de calquera situación vivida en primeira persoa.  Nos relatos repítense os esquemas machistas independentemente do ámbito da comunicación no que as profesionais desenvolven o seu traballo: comentarios incómodos, tocamentos, chantaxe sexual, presións, violencia das fontes, acoso ás bolseiras e abusos de poder son denuncias recorrentes, tanto no ámbito da televisión, prensa escrita e gabinetes, ao que pertencen o 60% das consultadas, como no resto de formatos e medios, todos eles representados na consulta. 

En canto á idade, a maioría das profesionais que respostaron (60%) ten entre 36 e 50 anos, seguidas pola franxa de entre 20 e 35 anos (20%) e a que vai de 51 a 56 (20%).

A fin de reflectir en primeira persoa a percepción das xornalistas galegas sobre o machismo no seu ámbito de traballo, Xornalistas Galegas pon a disposición pública todos os testemuños recollidos, garantindo o anonimato das relatoras, e agrupados por temáticas recorrentes.

Abuso de poder dos xefes…

“Case todas as situacións incómodas que presenciei están relacionadas con abuso de poder por parte dos xefes”. Un dos testemuños anónimos recollidos por Xornalistas Galegas apunta directamente ás persoas integradas nas cúpulas directivas das empresas e entidades de comunicación, tradicionalmente copadas por homes e, aínda a día de hoxe, carentes da perspectiva de xénero necesaria non só á hora de aplicala aos contidos, senón tamén ás condicións nas que as xornalistas desenvolven o seu traballo diario. Entre os bloques temáticos nos que se agrupan os relatos das 127 comunicadoras consultadas, o relativo ás xefaturas é maioritario. Son tamén os testemuños que máis apuntan cara ao acoso e a agresión sexual. 

“Case todas as situacións incómodas (que presenciei) están relacionadas con abuso de poder por parte dos ‘xefes’: comentarios sobre a vestimenta; sobre outras funcións que debería exercer, extralimitándose da súa responsabilidade profesional sobre min; correos falando do que suscitaba nel a presenza de determinada muller e acoso sexual directo: bicos ou tocamentos non consentidos”.

“Comentarios dun xefe do tipo: ‘Porque estás casada, que, se non, non me escapabas”.

“Cando traballaba na prensa, acabada de saír da facultade, ao peche, en máis dunha ocasión o xefe da redacción pedíame que ‘lle dese unha volta’ a algún titular coa intención de que quedara máis tempo ata estar case sós, momento no que aproveitaba para tontear descaradamente ou insinuarse. Aprendín, grazas a outras compañeiras que xa o sufriran, a apurar moito e deixarlle as páxinas á xefa de sección para así non ter que quedar con el”. 

“El tiña un cargo de responsabilidade. Colleu confianzas que eu non lle dera. Eu non quería verme fóra do círculo e, aínda que estaba incómoda, o mundo arredor dicíame que aquilo estaba ben”.

“Unha persoa con cargo superior chancea co peito de cada unha das subordinadas”.

“O meu ex é xefe nun xornal do que era colaboradora. Déronse situacións moi desagradábeis de abusos, chantaxes e agresións, até dicir que, se me separaba, encargaríase de que non volvese traballar para ningún medio”.

“Tiña que ir sempre falar co meu xefe cunha carpeta para tapar o peito e así tentar conseguir que me mire os ollos”.

“O meu xefe non me permitía asistir a viaxes de traballo ‘polo que puidese parecer se alguén o vía entrar cunha moza loira nun hotel’”.

“Recibín masaxes nos ombreiros por parte dun superior”.

“Berros cara a min, descualificacións, comentarios sobre a miña vestimenta ou a vestimenta das miñas compañeiras en ton despectivo ou de connotacións machistas”.

“Cando vaias facer esa entrevista, leva escote”.

“Un responsable animábame a ir ‘amañada’ cando tiña entrevistas a políticos”.

“O xefe da delegación dun periódico díxome: ‘A próxima vez contrato unha bolseira cachonda, que polo menos nos aleda a vista’”.

“Fun despedida por negarme a deixar entrar ao director dunha produción audiovisual á miña casa tras unha cea de traballo”.

“O meu director non me enviou a cubrir unha noticia que o meu xefe inmediato me propuxera porque dixo que tardaba moito en pintarme (daquela nin siquera me pintaba)”.

“Un redactor xefe chamándolle nugallá a unha compañeira que tivera un fillo, dicindo que abondo era que lle deixaran horas libres pola mañá (tiña a redución de xornada legal) para privalo de verlle as curvas”.

“O xefe coqueteando cunha compañeira, achegándose moito e preguntándolle a opinión sobre xoguetes sexuais”.

“A unha compañeira un xefe obrigouna a ter sexo con el e varios xefes máis baixo presión”.

… e  das xefas

O nomeamento de mulleres en cargos de xefatura non implica per se a implantación da perspectiva feminista. Observamos que, en demasiados casos, as mulleres xefas fan seus os esquemas tradicionais, contribuíndo a perpetuar as prácticas machistas e as situacións de acoso. Apórtanse exemplos na consulta de Xornalistas Galegas. 

“Escoitei a unha xefa de sección facer comentarios sobre o aspecto, no traballo, ás súas subordinadas, con cuestións como ‘estás mellor maquillada’, por dicir unha. E trátase dunha muller a outra… patético, como pouco”.

“Lembro o caso dunha compañeira que, a ollos das encargadas, falaba demasiado cun compañeiro. Chamáronlle a atención (só a ela) porque o distraía e cambiáronlle a quenda”.

Cousificación e sexualización: o físico das mulleres, a debate 

A cousificación e sexualización das mulleres é unha constante tamén no ámbito da comunicación. As alusións ao físico constitúen outro dos principais alicerces das prácticas machistas que as mulleres da comunicación de Galicia perciben no seu ámbito profesional. Son frecuentes os comentarios sexuais, pero tamén os xuízos de valor sobre o físico das xornalistas que acaban por condicionar a actividade profesional. 

“Hai compañeiros que comentan de xeito lascivo a vestimenta doutras traballadoras. A min mesma dixéronme nunha ocasión: ‘Se puidera, arrincábache a camisa’. Foi diante doutro compañeiro. Houbo risas. Non volvín poñer esa camisa”.

“Marcoume ter que cambiar a forma de vestir para evitar miradas ou comentarios na radio”.

“Repítense comentarios como: traes a saia moi curta, estás para que che poñan un piso… e opinións innecesarias sobre o aspecto físico: estás moi fraca ou moi gorda”.

“Presenciei comentarios ofensivos sobre o físico como reporteira en TV en directo”.

“Estar cubrindo calquera acto festivo e que se acheguen borrachos preguntándoche: ‘Non queres facerme a min unha entrevista, guapa?’”

“Traballo na TV, así que a alusión ao físico das presentadoras é unha constante”.

“Comentarios machistas, cousificando, por exemplo, a figura de presentadora”.

“Que unha compañeira diga que quere saír en pantalla e que a chamen fea”.

As redaccións, terreo hostil 

De xeito moi destacado, repítense os testemuños que fan referencia ao ambiente machista imperante nas redaccións dos medios de comunicación. Moitas xornalistas atopan nos seus compañeiros parte do problema no canto de aliados para a solución. As insinuacións sexuais, os clixés sexistas e, no peor dos casos, a agresión sexual física son unha realidade inaceptable que se vive no seo dos medios de comunicación. As empresas encargadas de desenvolver o xornalismo, concebido como un servizo público a favor do interese común, teñen unha importante asignatura pendente á hora de erradicar a discriminación da metade do seu cadro de persoal. 

“Os homes facían listas de corpos, tetas, cús. Tivemos que aturar, eu e outras compañeiras, moitos comentarios e chistes de dobres sentidos, convites sexuais e comentarios sobre o noso aspecto”.

“Sufrín agresión, como tocamentos non desexados, por parte dun compañeiro cando traballaba en prensa escrita”.

“Traballei na radio e sufrín acoso sexual e físico e laboral durante anos por parte de dous ex compañeros da emisora. Un deles agrediume fisicamente”.

“Presenciei comentarios sobre o físico, trato de inferioridade, tocamentos”.

“Un compañeiro moito maior ca min envioume unha foto na que se lle marcaban os xenitais”.

“Descubrín que alguén fixera correr o rumor de que eu mantivera unha relación cun xefe para conseguir un ascenso”.

“Recibín ofertas e propostas de carácter sexual sen mediar relación de intimidade previa”.

“Escoitei comentarios machistas do tipo: ‘Está menopáusica’”.

“Que se acheguen demasiado para explicar algo e ter que pedir que se afasten e ser por iso unha borde”.

“Son habituais os comentarios machistas asociados a estereotipos; micromachismos que pasan desapercibidos, sobre todo para algúns homes que os teñen tan interiorizados que non se decatan de que poden ferir sensibilidades e constitúen discriminación de xénero”.

“(Un compañeiro) tentou masaxear o meu costado, aínda que lle pedía que non me tocase”.

O abuso de poder das fontes

Os relatos arredor das actitudes das fontes expertas ás que recorren as xornalistas para realizaren as pezas informativas dan conta do risco potencial que supón este achegamento. Desde insinuacións e comentarios inapropiados a acoso e chantaxe co uso do sexo como ponte para obter información. A consulta de Xornalistas Galegas recolle, a este respecto, numerosos testemuños: 

“Vivín insinuacións incómodas e convites indebidos”.

“Fun conducida polo entrevistado a un espazo reservado coa escusa de amosar algo que resultou ser persoal e nada tiña que ver co motivo da entrevista”. 

“Un entrevistado deume unha bofetada cando o afastei porque me quixo bicar na boca agarrándome a cabeza. Cando llo contei, o meu xefe díxome: ‘Non podes ir namorando así os homes’”.

“Algún convidado fai comentarios fóra de lugar a compañeiras e ninguén lle di nada”.

“Experimentei acoso por parte de fontes”.

“No caso dunha compañeira, unha fonte ‘confundiu’ a súa amabilidade cun interese amoroso/sexual e mesmo a chantaxeou: ou ían tomar algo xuntos ou negáballe a información que antes lle prometera”. 

“Houbo fontes que derivaron as conversas profesionais ao plano persoal e íntimo, sen eu dar pé a nada”.

“Unha fonte espetoume: douche a exclusiva se ceas comigo”.

“Tiven que aturar que, cando cubría o adestramento dun equipo de fútbol sentada no banco, un axente de xogadores vinte anos máis vello ca min me fixera insinuacións”. 

Ese político do que vostede me fala

A difícil relación entre os políticos e a prensa complícase aínda máis cando se engaden posicionamentos machistas que agravan as presións dos ‘poderosos’ sobre ‘o cuarto poder’. Numerosas xornalistas relatan situacións de trato denigrante, comentarios sexistas, insinuacións sexuais e abusos de poder por parte dos políticos de cuxa actividade debían informar. 

“Un superior (home) dille a un político ao que ía entrevistar unha compañeira nunha campaña electoral: ‘Non te queixes, mira a que che puxemos. Está boa, eh?’”.

“’Cantas mozas guapas hai aquí!’. Comentario dun alcalde ás xornalistas ao entrar nunha sala de prensa”.

“Un político moi coñecido veu á emisora e entrou ‘saudando’ a compañeira que o ía entrevistar dicíndolle que se ‘duchaba con ela’ cada mañá. A ela cambioulle a cara, pero non dixo nada, e o resto das persoas presentes tampouco”.

“Un conselleiro, xa falecido, díxolle a unha compañera: ‘Guapa, que xefe che mandou facer esa pregunta?’”.

“‘Vaite entrevistar esta periodista tan guapa’. Comentario dun vicerreitor galego a outro convidado de fóra”.

“Quen me dera ter trinta anos menos cada vez que falo contigo (frase dun alcalde dirixida a min)”. 

“Senta aquí (xesto dun exconselleiro ensinándome o seu colo)”.

“A próxima vez que veña a un pleno bótolle un polvo e despois bótoa fóra (frase dun alcalde a unha xefa miña)”.

Ninguneadas

Son moitas as profesionais que se senten ninguneadas só polo feito de seren mulleres. A credibilidade e a proxección profesional das xornalistas queda en entredito ante as miradas machistas que proliferan en todo o ámbito xornalístico: xefaturas, fontes, contorna… Esta situación agrávase de xeito alarmante no xornalismo de deportes, onde a pervivencia de actitudes machistas é elevada. 

“Entrevistados que responden dirixíndose ao meu compañeiro de traballo cando era eu quen preguntaba”. 

“(No xornalismo deportivo) minusvalorar o traballo que realizas polo feito de ser muller ou que sorprenda que unha muller realice a información sobre un equipo de primeiro nivel”.

“Algunhas fontes, cando lles preguntas, diríxense aos compañeiros reporteiros gráficos só polo feito de seren homes”.

“O máis incómodo é que a nosa palabra non vale tanto coma a dos compañeiros”.

“Condescendencia: ‘Saberás mirar estes datos?’”.

“Coller o teléfono e que o interlocutor me diga que lle pase cun xornalista”.

Desprotección das bolseiras

A precariedade laboral facilita o abuso de poder, tamén o machista. As bolseiras que ciclicamente chegan ás redaccións son un foco estrutural de prácticas machistas que, con frecuencia, se centra nas referencias indebidas ao seu físico e a sexualización do seu traballo. Así o relatan as propias afectadas ou as súas compañeiras: 

“Cando chegaban as bolseiras vivíanse situacións de verdadeiro acoso. Unha noite que saímos, unha delas acabou chorando e con medo de volver; creo que deixou o xornalismo”.

“As mozas que viñan de prácticas eran valoradas por se estaban máis ou menos ‘cachondas’, non pola valía profesional”.

“Ao chegaren as compañeiras en prácticas, algúns xefes e compañeiros (outros non) repartían a quen lle ‘entraba’ cada un. Se algunha lles parecía demasiado fea, librábase do acoso” 

“Cando era bolseira, un colaborador da radio, representante municipal con poder e amigo do xefe, viña pola redacción e facíanos comentarios sobre o noso físico, tocábanos os ombreiros e mirábanos o escote. Era incómodo e non nos atreviamos a dicir nada nin a denuncialo”. 

“Sendo bolseira, un compañeiro de traballo desabrochoume a cremalleira da blusa ante as risas da redacción”. 

“O meu superior fíxome insinuacións para ter unha relación íntima que rexeitei. Nunca llo comuniquei á empresa por estar en período de prácticas e por estar aceptado na profesión que as bolseiras tiñamos que soportar comentarios machistas”. 

“Na entrevista para facer prácticas fixéronme preguntas como ‘Tes mozo? Dóeche a regra?’”

A “credibilidade” das voces masculinas

Decotío denúnciase a hexemonía de voces expertas masculinas nos contidos informativos. A consulta realizada entre 127 xornalistas e comunicadoras galegas pon de manifesto que, máis alá da metáfora, a voz masculina goza de privilexios reais na radio. A falta de perspectiva feminista nas ondas leva a testemuños que confirman que os poderes das redaccións radiofónicas outorgan maior credibilidade ás voces dos homes. 

“Un director da radio díxome que prefería que un home presentase o informativo porque ‘a voz masculina ten máis credibilidade’”. 

“Tentaron que as bolseiras marcharamos prohibindo que locutásemos, porque querían voces masculinas”.

“Facer un curso de periodismo deportivo radiofónico hai máis de dez anos e que un dos relatores (director dun programa de nivel nacional) diga que non hai mulleres narradoras de fútbol porque o ton agudo é molesto. Grazas ás compañeiras que o deixaron en evidencia”.

Maternidade sen dereitos

Os permisos de maternidade, lonxe de ser entendidos como un logro social colectivo, son motivo de mofa para minusvalorar as mulleres e atacalas. Tamén nas redaccións, onde a maior presenza feminina non anima as direccións a buscar fórmulas que potencien a igualdade e impliquen o home na conciliación e nos coidados. 

“O delegado dixo, cando unha compañeira marchou por baixa de maternidade, que xa lle gustaría a el ir tanto tempo de vacacións, que ía quedar embarazado para desfrutar de todo ese tempo libre”.

“Comentarios despectivos en chats grupais de compañeiros varóns durante a baixa maternal”.

“Queixas acerca de compañeiras que están de baixa por maternidade”.

“Comentarios como: ‘Mellor que quedaras na casa a limpar’, por non entrar no que din do tema de coidar fillos…”.

“Traballaba nun xornal hai algo máis de 15 anos e o xefe de redacción prohibiume saír recoller a miña filla á gardería, que tiña febre, dicíndome: ‘Ti de aquí non marchas’”.

Sen novas sobre os protocolos contra a violencia machista

Finalmente, para afondar nas respostas das empresas de comunicación, entidades e institucións ante a realidade machista que describen as xornalistas no seu ámbito profesional, Xornalistas Galegas preguntoulles ás 127 mulleres consultadas polo seu coñecemento en relación aos protocolos contra a violencia machista ou agresións. A este respecto, o 58% das xornalistas consultadas afirma que no seu posto de traballo non existe un protocolo de acoso ou agresión (40,9%) ou que descoñecen a súa existencia (17,3%). Alén, o 46% das xornalistas en cuxo lugar de traballo existe un protocolo de acoso ou agresión non saben en que consiste (e o 19% teñen só unha lixeira idea). 

En xeral, a inmensa maioría (81%) das xornalistas e comunicadoras galegas consultadas considera que a empresa na que traballan non informa correctamente dos protocolos de acoso ou agresión. A xuízo dos testemuños achegados voluntaria e espontaneamente por 127 xornalistas galegas, as informadoras carecen de información sobre as ferramentas para garantir a súa dignidade e seguridade. 

Xornalistas Galegas chama os medios a informar sobre o aumento da precariedade social e laboral das mulleres tras dous anos de pandemia

O colectivo remite ás redaccións unha compilación de informes e ferramentas de organismos internacionais que evidencian o incremento da desigualdade entre sexos

Co gallo do Día da Muller, a asociación promove o cancelo #8MninUnPasoAtrás en redes

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, chama os medios a informar sobre o aumento da precariedade social e laboral das mulleres tras dous anos de pandemia da covid 19. Para contribuir a esta tarefa, co gallo da conmemoración do 8M, Día Internacional da muller, o colectivo vén de remitir ás redaccións unha compilación de informes e ferramentas de organismos internacionais que evidencian o incremento da desigualdade entre sexos por mor desta crise.

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, apela á responsabilidade social dos medios ante o agravamento da discriminación das mulleres e lembra o seu carácter de servizo público para esixir a defensa do ben común, neste caso a igualdade entre homes e mulleres.

Do mesmo xeito, Xornalistas Galegas, reivindica a perspectiva feminista nos medios para visibilizar accións en favor da igualdade e outorgar á figura das mulleres a relevancia social que lles corresponde, especialmente no contexto de pandemia. Así mesmo, e focalizando na profesión xornalística, o colectivo reivindica unha mellora das condicións laborais nos medios de comunicación, que permitan avanzar na plena consecución dos dereitos reais das súas traballadoras.

Para subliñar estas demandas, a asociación promove en redes sociais o cancelo #8MninUnPasoAtrás e aglutina baixo ela algunhas das ideas máis relevantes que se extraen da documentación remitida ás redaccións.

Listado de referencias documentais

Xornalistas Galegas urxe á creación dun departamento de xénero nos medios de comunicación de Galicia

A asociación incide na necesidade inmediata dunha figura transversal para evitar a publicación de contidos machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero

O colectivo vén de impulsar recentemente unha iniciativa no Parlamento de Galicia para garantir o cumprimento nos medios das leis de igualdade entre mulleres e homes

A asociación Xornalistas Galegas urxe aos medios de comunicación de Galicia a incorporar unha figura ou departamento transversal que vele pola perspectiva de xénero nas informacións e contidos difundidos ao público, co fin de evitar a propagación de mensaxes e situacións machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero, incluída a prostitución.

O colectivo amosa a súa preocupación pola frecuente propagación de contidos e pezas informativas sen perspectiva feminista nos medios galegos, con maior gravidade nos públicos, que deberían servir de exemplo e ser pioneiros na integración dunha figura que vele pola perspectiva de xénero de xeito continuado e rigoroso, antes, durante e despois da difusión de informacións e espazos informativos ou de entretemento.

No último ano, Xornalistas Galegas denunciou a través da súa canle de Twitter decenas de publicacións en medios galegos e estatais carentes de perspectiva de xénero e lembrou en numerosas ocasións a obriga legal por parte das persoas profesionais e responsables dos medios de promover a igualdade entre homes e mulleres. Neste contexto, o colectivo vén de impulsar ante o Parlamento de Galicia unha iniciativa para garantir o cumprimento mediático das leis de igualdade e violencia de xénero, e solicitou á Secretaría Xeral de Igualdade o reforzo de mecanismos que garantan o compromiso dos medios coa perspectiva feminista. A inclusión de voces expertas, tanto nas tertulias como á hora de buscar fontes informativas, é outra das medidas nas que incide Xornalistas Galegas para garantir a igualdade e a perspectiva de xénero nos medios de comunicación, un aspecto co que a asociación considera que quedarían garantidos coa incorporación dunha figura responsable ou departamento de xénero.

Xornalistas Galegas chama os medios a incidir no agravamento da desigualdade de xénero por mor da pandemia

O colectivo reivindica a perspectiva feminista nos contidos para visibilizar accións en favor da igualdade e afastar os discursos discriminatorios

Co gallo do Día da Muller, a asociación compila baixo a etiqueta #8MmaliaACovid publicacións sobre o retroceso nos dereitos das mulleres

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, apela á responsabilidade social dos medios ante o agravamento da desigualdade entre homes e mulleres debido á pandemia. O colectivo traslada ás empresas de comunicación esta demanda con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, insta as directivas e redaccións dos medios a incidir no impacto da pandemia na realidade feminina e evitar a difusión de contidos ou posicionamentos que banalicen e perpetúen a discriminación de xénero. Neste sentido, apela ao carácter de servizo público da prensa para esixir a defensa do ben común, neste caso, a igualdade entre sexos.

Do mesmo xeito, Xornalistas Galegas, reivindica a perspectiva feminista nos medios para visibilizar accións en favor da igualdade e outorgar á figura da muller a relevancia social que lle corresponde, especialmente no contexto de pandemia. Cómpre lembrar a este respecto que o colectivo feminino é maioritario no sector sanitario e en sectores precarizados como a limpeza e os coidados, actividades todas elas esenciais nesta crise.

Para subliñar esta realidade, a asociación demanda unha maior presenza de voces femininas como protagonistas, fontes expertas e opinadoras. Así mesmo, no ámbito laboral interno dos medios de comunicación, a asociación reclama de novo unha aposta firme polo acceso de mulleres aos postos de responsabilidade e dirección das empresas.

A UE ratifica o empeoramento

Na conmemoración deste 8M marcado pola crise da COVID 19, Xornalistas Galegas lembra a importancia dos medios de comunicación na creación de estados de opinión e na formación da sociedade en materia de igualdade, nun momento no que a discriminación por razón de sexo se intensificou por causa da pandemia. Non en van, o recente informe anual da Comisión Europea sobre igualdade de xénero cualifica de “desproporcionado” e “dramático” o impacto da pandemia nos dereitos das mulleres e cifra en “anos ou ata décadas” o prazo necesario para compensar esta volta atrás.

Para visibilizar este agravamento, o colectivo feminista compilou durante esta semana publicacións de medios galegos e estatais nos que se evidencia o retroceso en dereitos reais das mulleres neste ano de covid. Baixo a etiqueta #8MmaliaAcovid recóllense decenas de informacións relativas ao impacto negativo da pandemia na realidade feminina en materias como a precariedade económica, a visibilidade profesional e social, a conciliación, a saúde ou a violencia de xénero.

Xornalistas Galegas impulsa ante o Parlamento unha iniciativa para garantir o cumprimento das leis de igualdade e violencia de xénero nos medios

A asociación rexistrará unha proposición non de lei de iniciativa popular para promover medidas coercitivas para as empresas de comunicación


O texto insta á Xunta de Galicia a dar conta pública dos apercibimentos remitidos a medios pola publicación de contidos sexistas e a establecer as canles para integrar nas tarefas de control as denuncias dos colectivos profesionais

A asociación Xornalistas Galegas presentará ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei de iniciativa popular solicitando o reforzo das medidas de control da aplicación das leis de igualdade e para a prevención da violencia de xénero nos contidos dos medios. O colectivo, integrado por mulleres de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, demandará o apoio da Cámara para o
establecemento das medidas coercitivas necesarias para a aplicación do marco legal vixente.

O texto, que está a ser presentado aos grupos parlamentarios co obxectivo de obter o seu apoio unánime, fai referencia ás obrigas específicas dos medios de comunicación que recollen a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Ambas normas establecen a obriga legal dos medios de promover a igualdade entre homes e mulleres e aplicar pautas informativas específicas no tratamento das informacións de violencia machista.

Na exposición de motivos do documento, o colectivo lembra que malia este marco legal en vigor, Xornalistas Galegas, na súa tarefa de vixilancia de contidos sexistas detecta de xeito recorrente e denuncia nas súas redes sociais exemplos de incumprimentos sistemáticos por parte dos medios de comunicación que difunden os seus contidos en Galicia. Ante esta situación, que supón un flagrante incumprimento das leis vixentes, a asociación propón ao Parlamento de Galicia que apoie as medidas oportunas para revertela.

Entre estas medidas, a iniciativa de Xornalistas Galegas demanda información pública dos indicadores que se aplican para o control do cumprimento das leis relativas á igualdade, así como a publicación dos apercibimentos que se remiten aos medios de comunicación polo seu incumprimento. As xornalistas piden tamén que se reforcen os mecanismos de control dos contidos dos medios e se establezan as canles de comunicación necesarias para integrar nestas tarefas as denuncias dos colectivos profesionais. Finalmente solicitan a aprobación dun regulamento sancionador e medidas coercitivas directas.

Chamamento aos medios
Ademais de impulsar esta proposición non de lei, co gallo do 25 N, Xornalistas Galegas vén de facer un chamamento aos medios para que apliquen un tratamento especializado da información sobre violencia de xénero. Neste sentido, o colectivo lembra ás directivas das empresas de comunicación a necesidade de contar con profesionais e fontes especializadas á hora de informar sobre esta problemática.

Para contribuír ao bo facer profesional o colectivo vén de remitir ás redaccións dos medios unha compilación de guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática. Entre as suxestións do colectivo atópanse a Declaración de Compostela impulsada hai agora 14 anos polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia ou a guía do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, así como diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas de ámbito autonómico e estatal. Así mesmo, Xornalistas Galegas lembra tamén que estes textos poden ser consultados gratuitamente na rede por todas as persoas interesadas e atópanse dispoñibles na páxina web do colectivo.

Xornalistas Galegas reivindica un tratamento especializado da información sobre violencia de xénero

O colectivo lembra aos medios a necesidade de contar con profesionais e fontes especializadas neste ámbito e ínstaos a evitar a difusión de contidos que banalicen a problemática ou sostenten discursos misóxinos

Co gallo do 25 N a asociación remite ás redaccións unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres
profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, reinvidica un tratamento especializado da información sobre violencia de xénero. Neste sentido, o colectivo lembra ás directivas dos medios de comunicación a necesidade de contar con profesionais e fontes especializadas á hora de informar sobre esta problemática.

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres da comunicación de Galicia, insta ademáis ás cúpulas dos medios de comunicación a evitar a difusión de contidos que banalicen a violencia de xénero, que atenten contra a igualdade entre sexos e a dignidade da muller ou que sosteñan mensaxes misóxinas, tal como recollen os manuais profesionais e deontolóxicos para unha correcta información sobre violencia de xénero.

Para contribuír ao bo facer profesional, co gallo do 25, Xornalistas Galegas vén de remitir ás
redaccións dos medios unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática. Entre as suxestións do colectivo atópanse a Declaración de Compostela impulsada hai agora 14 anos polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia ou a guía do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, así como diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas de ámbito autonómico e estatal. Así mesmo, Xornalistas Galegas lembra tamén que estes textos poden consultarse gratuitamente na rede por todas as persoas interesadas e atópanse dispoñibles na páxina web do colectivo.

Finalmente, seguindo as recomendacións propostas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Xornalistas Galegas chama ao cumprimento das seguintes regras básicas para traballar información sobre violencia machista nas redaccións.

  • Acudir a voces expertas en materia xurídica, psicolóxica e policial así como colectivos feministas para contextualizar o problema social da #ViolenciaMachista.
  • Facilitar información útil e de servizo ás mulleres afectadas e incorporar sempre o teléfono de información gratuito 016, clarexando que non deixa pegada na factura.
  • Estas agresións deben enfocarse como unha violación dos Dereitos Humanos, e como un
    atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas.
  • Titular con rigor. Evitar expresións que atenúen a responsabilidade criminal dos
    maltratadores ou asasinos.
  • Identificar o agresor como único responsable. Obviar os comentarios que culpen á vítima
    ou banalicen a agresión.
  • Rexeitar detalles morbosos e imaxes que poñan en perigo a integridade física ou
    psicolóxica da agredida.
  • Impedir a difusión de informacións que presenten a muller nun papel subalterno ou
    dependente.
  • Divulgar as mobilizacións de rexeitamento á violencia machista convocadas polos
    colectivos feministas, apelando á responsabilidade social dos medios de comunicación para contribuír a erradicala.

Xornalistas Galegas solicita á Secretaría Xeral de Igualdade que reforce os mecanismos para garantir o compromiso dos medios coa perspectiva feminista

O colectivo mantivo unha reunión con Susana López Abella para avaliar o cumprimento da prensa galega coas leis de igualdade e contra a violencia de xénero

Solicitan o acceso público ao informe anual do Observatorio da publicidade non sexista que recolle os apercibimentos aos medios pola difusión de contidos sexistas

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, vén de solicitar á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia que reforce os mecanismos para garantir o compromiso dos medios coa igualdade entre homes e mulleres. O colectivo, constituído en novembro de 2018 e que conta co apoio de preto de 200 profesionais, trasladou esta demanda á titular do departamento autonómico, Susana López Abella, nunha reunión de traballo na que ambas partes avaliaron o cumprimento da prensa galega coas leis de igualdade e contra a violencia de xénero.

Entre as cuestións abordadas no encontro, as representantes de Xornalistas Galegas ofreceron a colaboración do colectivo coa Secretaría para o rexistro de informacións machistas difundidas polos medios galegos de cara ao contacto cos  propios medios para procurar que se revirtan. Así mesmo solicitaron que se permita acceso público ao informe do Observatorio da publicidade non sexista que recolle os apercibimentos incoados pola Secretaría de Igualdade aos medios de comunicación pola difusión de contidos sexistas.

Xornalistas Galegas agradeceu a boa disposición de López Abella á colaboración coa plataforma feminista e amosou o seu total apoio á proposta de formación en xénero para as redaccións  e directivas dos medios que lle anunciou a secretaria. Así mesmo comprometeu a súa colaboración naquelas iniciativas nas que o departamento autonómico convide a participar ao colectivo coa fin de promover o cumprimento do marco lexislativo que obriga aos medios de comunicación galegos á promoción da igualdade entre sexos.

Se te ve el plumero

Se te ve el plumero. Ese que no has cogido en tu vida, macho ibérico. Se te ve el plumero a ti también. Tú que eres de los que colabora. Que el feminismo está trasnochado, que para nuestras abuelas, vale, pero ahora, qué más queremos, si ya somos todos iguales. Ni machismo ni feminismo.
O aún mejor: se te ve el plumero a ti, que eres 100 veces más feminista que yo, que a ti no te dan lecciones las feminazis, que tú a los violadores se la cortabas y pena de muerte, como mínimo. Se te ve el plumero. Y te jode, porque a ti la pluma no te hace ni puñetera gracia. Pero se te ve el plumero.

Tu problema no es que odias a la ministra. Bueno, sí, odias a la ministra, odias dónde vive, odias con quién duerme, odias que sea ministra y odias su ministerio. Pero tú lo que odias de verdad es que seamos iguales. Equivalentes, más bien. Que nos hemos subido a las barbas, que queremos lo que es nuestro y queremos salir a la calle a gritar que lo queremos. Y volver a casa, solas, borrachas, serenas o como nos dé la real gana sin que ni tú ni tu odio nos roceis ni con un suspiro. Con cualquier otra cosa es delito, amigo machinazi.

Seguir lendo “Se te ve el plumero”