Manifesto – Por un xornalismo feminista

Mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación, xornalistas, fotoxornalistas, comunicadoras, formadoras, investigadoras, técnicas audiovisuais e demais produtoras de información en calquer soporte mediático, coincidimos na necesidade de articular un colectivo profesional feminista que impulse a produción dun xornalismo con perspectiva de xénero que se reflicta tanto na información que xeramos como nas condicións nas que a elaboramos, é dicir, un xornalismo con perspectiva de xénero externa e interna.

Como mulleres padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e como xornalistas estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible. Na nosa dobre condición de mulleres xornalistas enfrentámonos como noutros sectores á precariedade laboral, a fenda salarial, o teito de cristal, o chan pegañento, o ninguneo ou o paternalismo. Pero tamén á contradición de formar parte dunha poderosa maquinaria de creación de opinión, o chamado cuarto poder, que demasiadas veces non achega ao mundo a necesaria loita pola igualdade que todas e todos debemos esixir aos medios, empresas e entidades de comunicación.

Porén, a nosa condición de xornalistas outórganos tamén unha oportunidade única de revertir esta situación e incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa aos medios de comunicación e plataformas informativas públicas e privadas un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real. Temos nas nosas mans o maior altofalante da sociedade actual: os medios de comunicación, axentes socializadores e formadores de opinión. De nós depende comprometelos coa causa feminista na procura da erradicación definitiva do machismo e o sexismo.

Seguir lendo “Manifesto – Por un xornalismo feminista”