Despois da publicación dunha nova na que unha profesional explicitaba o carácter machista do novo videoclip dun grupo de música local, o pasado 18 de xaneiro, Xornalistas Galegas denuncia o acoso persoal sufrido a través das redes sociais nos últimos días e, ao mesmo tempo, aplaude a súa responsabilidade por sinalar a explotación sexual como unha das manifestacións da violencia de xénero.
En primeiro lugar, desde o colectivo compartimos que o vídeo é obxectivamente machista dado que banaliza a prostitución contribuíndo a manter a imaxe dunha opción de diversión para homes. Desta forma explícase que só o 34,8 % de prostituidores manifeste que a prostitución é unha forma de violencia a pesar de que o 93 % deles son conscientes da existencia do tráfico de seres humanos, segundo os datos do estudo sociolóxico elaborado pola Universidade de Comillas en 2018 (Meneses, C., A. Rua and J. Uroz. 2018. Exploring motives to pay for sexual services from opinions about prostitution. Revista Internacional de Sociología 76(1):e091.). Por iso insistimos en que, tal como recolle a Declaración de Compostela, “medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta”.