Ribadeo organiza unhas xornadas para atallar a violencia de xénero dende o ámbito local

A localidade lucense de Ribadeo acolle os días 21 e 22 de setembro a décimo primeira edición das Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local, baixo o lema “Reafirmando estratexias”.

Xustiza patriarcal, violencia simbólica, o sistema de desigualdade e as estratexias para combater as violencias machistas dende a autodefensa feminina son algúns dos temas que se porán sobre a mesa.

Contarán con experiencias persoais de empoderamento de superviventes da violencia e profundizarán en asuntos de actualidade como as sentenzas de La Manada ou Juana Rivas e as diversidades afectivo-sexuais e identidades de xénero na escola.

Entre as novidades desta edición desenvolveranse actividades lúdicas para os máis pequen@s coa finalidade de educar, sensibilizar e axudar á conciliación.

As Xornadas de Abordaxe da Violencia de Xénero están firmemente consolidadas e contribúen a tecer redes de colaboración na loita para a erradicación das violencias contra as mulleres. Están organizadas polo Concello de Ribadeo e o Centro de Información á Muller. A asistencia é gratuita o prazo de inscrición está aberto ata o 19 de setembro.