Xornalistas Galegas nace en Compostela

O colectivo Xornalistas Galegas arrancou hoxe sábado 7 de xullo, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, coa sinatura dun manifesto fundacional no que se recollen os principais obxectivos para integrar a perspectiva feminista no xornalismo e defender ás mulleres de todos os ámbitos das ciencias da comunicación.

A reunión deste sábado ten carácter fundacional e supón o terceiro encontro despois do 8M, cando as mulleres xornalistas participaron do movemento e da folga feminista cun masivo seguimento nas rúas de toda a xeografía galega. Así, houbo xa dúas reunións coa participación directa de máis de 40 mulleres e o apoio de case 200 profesionais da comunicación que por distintos motivos (como o laboral) non puideron facelo presencialmente.

MANIFESTO

O manifesto engloba as reflexións e reivindicacións deste colectivo baixo o título ‘Por un xornalismo feminista’. Ademais das sinaturas recollidas no acto celebrado en Santiago, o manifesto estará dispoñible na rede para a adhesión das mulleres pertencentes a este colectivo.

Nel faise fincapé na necesidade dun “xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común”.

Asemade, recóllese que, pola condición de xornalista, este colectivo ten “unha oportunidade única de reverter esta situación e incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real”.

Tamén recorda que, como mulleres, “padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e, como xornalistas, estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible”.

REDES SOCIAIS

Dende este sábado o colectivo comezará a funcionar en redes sociais como @asxornalistas (Twitter) para visibilizar os seus obxectivos, entre os que se atopa “realizar unha vixiancia feminista dos contidos dos medios e denuncia pública e directa as publicacións machistas ou sexistas”.

TRABALLAR EN REDE E ACTO EN SETEMBRO

Por outro lado, co obxectivo de traballar en rede, tamén se estableceron contactos con outros colectivos feministas (plataformas, asociacións…) de outras comunidades autónomas e tres integrantes galegas participaron activamente na reunión de ‘Las periodistas paramos’ do día 2 de xuño en Madrid.

Á volta do verán, as Xornalistas Galegas farán a súa presentación nun acto público no que se presentarán acción e iniciativas, e no que se quere contar con referentes do mundo feminista.

Depende de nós, pero de todas nós! O xornalismo será feminista ou non será!

Deixar un comentario