Xornalistas Galegas apoia a mobilización das profesionais de CRTVG en defensa duns medios públicos independentes e ao servizo do interese colectivo

O colectivo denuncia o incumprimento, vinculado á externalización de contidos, da Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia e reivindica a necesidade de defender a produción interna e garantir as condicións laborais do persoal para blindar un xornalismo independente ao servizo do ben común, que inclúa a defensa da igualdade de mulleres e homes.

Xornalistas Galegas, asociación de preto dun centenar de mulleres da comunicación a prol dun xornalismo con perspectiva feminista, apoia as mobilizacións e folga convocadas polas profesionais de CRTVG (Televisión de Galicia e Radio Galega). O colectivo feminista súmase así á defensa dunha radio e televisión públicas libres de manipulación e control político, con produción propia e programación diversa e de calidade, que rexeite contidos machistas e fomente a igualdade entre mulleres e homes como esixe a normativa autonómica e estatal que obriga aos medios de comunicación.

Coincidindo coa convocatoria de manifestación por unha CRTVG pública e plural para este sábado 30 de novembro de 2024 na Praza Roxa de Santiago de Compostela, Xornalistas Galegas denuncia o incumprimento, ligado á externalización de contidos, da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia no relativo aos seus principios inspiradores. En concreto, tal como xa denunciou Xornalistas Galegas con anterioridade, programas producidos externamente, sen control profesional por parte dos medios públicos atentan de xeito reiterado contra o punto f) do Artigo 4 desta lei no que se establece a obriga da “promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista”.

Ademais, a asociación reinvindica a necesidade de garantir as condicións laborais do persoal da radio e a televisión galegas para blindar así a súa independencia profesional e o exercicio dun xornalismo ao servizo do ben común, que necesariamente incluirá a defensa da igualdade entre mulleres e homes. Non en van, Xornalistas Galegas subliñan a necesidade duns medios públicos independentes e pluarais como garantía dunha produción xornalística rigorosa. Para iso reclaman un marco normativo que blinde esta independencia e rexeitan calquera proposta dos gobernos, tanto autonómico como estatal, que limite aínda máis a independencia dos medios públicos respecto do poder político sobre o que deben exercer unha función de escrutinio crítico e control en beneficio do conxunto da sociedade.

Deixar un comentario