Xornalistas Galegas aplaude a perspectiva de xénero nunha compilación de informacións dos medios galegos e estatais con motivo do 8M

O colectivo difunde a través da súa web e redes sociais máis de medio centenar de pezas publicadas no último ano nas que se promove a visibilización das mulleres como referentes e a desaparición dos roles sexistas

O recoñecemento a figuras pioneiras, loita contra estereotipos, o afondamento na diversidade feminina, ou a análise das desigualdades sociais por razón de sexo son algúns dos principios que rexen nos exemplos de xornalismo feminista

Santiago, 7 de marzo de 2024. Xornalistas Galegas, asociación en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista, aplaude a perspectiva de xénero presente en máis de medio centenar de informacións recompiladas a modo de escolma polo colectivo con gallo do 8 de Marzo, Día Internacional das mulleres. A través da súa páxina web e redes sociais, Xornalistas Galegas pretende contribuír á difusión destes traballos e exemplificar con eles as recomendacións que rexen o xornalismo en defensa da igualdade entre mulleres e homes. 

A compilación inclúe informacións, reportaxes e análises publicadas polos medios de comunicación estatais e galegos ao longo do último ano nos que se amosa a perspectiva feminista e a vontade de empregar o xornalismo como ferramenta contra o machismo. Trátase dunha escolla parcial a modo de exemplo da importante labor a favor da igualdade que realizan xornalistas de diversas cabeceiras. Deste xeito a asociación quere recoñecer e agradecer o seu traballo e axudar a súa maior divulgación. 

Todas as pezas seleccionadas contan co común denominador de promover a visibilización das mulleres máis aló de roles sexistas e situándoas como referentes sociais. Ademais aplican principios como o recoñecemento a mulleres pioneiras en ámbitos masculinizados, a loita contra estereotipos, o afondamento na diversidade feminina ou a análise das desigualdades sociais por razón de sexo. Entre as pezas seleccionadas atópanse traballos de Patricia Calveiro e Tamara Montero, en La Voz de Galicia; Alba Chao, Elena Ocampo e Carolina Sertal, en Faro de Vigo; Patricia Casteleiro en La Región; Belén Teiga en El Correo Gallego; Nieves Neira en El Progreso; Ana G. Liste en Praza Pública; Susana Rois en Nós Diario; ou Cláudia Morán e Marga Tojo en El Salto Diario, así como pezas de TVG, TVE, Cadena Ser e Onda Cero.

Os enlaces para acceder ás informacións completas atópanse dispoñibles na páxina web da asociación, na seguinte ligazón e a través das contas de Xornalistas Galegas en Twitter, Facebook e Instagram baixo a etiqueta #AsíSi.

Deixar un comentario