- O colectivo remite a profesionais dos medios de comunicación unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática
A Declaración de Compostela impulsada polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia e diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas son algunhas das suxestións para unha formación expresa no ámbito
Santiago, 23 de novembro. A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, lembra ao colectivo de profesionais dos medios de comunicación a necesidade de aplicar un tratamento informativo cualificado e rigoroso ás noticias relacionadas coa violencia de xénero.
A asociación, recentemente constituída e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres da comunicación de Galicia, quere reseñar, co gallo do 25 N, a existencia de manuais de boas prácticas e recomendacións básicas para realizar unha boa cobertura dos casos de violencia contra a muller. Para este fin, o colectivo remite a profesionais dos medios de comunicación unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática.