Xornalistas Galegas reclama un tratamento cualificado e rigoroso da información sobre violencia de xénero

  • O colectivo remite a profesionais dos medios de comunicación unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática

A Declaración de Compostela impulsada polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia e diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas son algunhas das suxestións para unha formación expresa no ámbito

Santiago, 23 de novembro. A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, lembra ao colectivo de profesionais dos medios de comunicación a necesidade de aplicar un tratamento informativo cualificado e rigoroso ás noticias relacionadas coa violencia de xénero.

A asociación, recentemente constituída e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres da comunicación de Galicia, quere reseñar, co gallo do 25 N, a existencia de manuais de boas prácticas e recomendacións básicas para realizar unha boa cobertura dos casos de violencia contra a muller. Para este fin, o colectivo remite a profesionais dos medios de comunicación unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática.

Entre as suxestións do colectivo atópanse a Declaración de Compostela impulsada hai agora 14 anos polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia ou a guía do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, así como diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas de ámbito autonómico e estatal. Así mesmo, Xornalistas Galegas lembra tamén que estes textos poden consultarse gratuitamente na rede por todas as persoas interesadas.

Finalmente, seguindo as recomendacións propostas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Xornalistas Galegas chama ao cumprimento das seguintes regras básicas para traballar información sobre violencia machista nas redaccións:

– Acudir a voces expertas en materia xurídica, psicolóxica e policial así como colectivos feministas para contextualizar o problema social da #ViolenciaMachista.

– Facilitar información útil e de servizo ás mulleres afectadas e incorporar sempre o teléfono de información gratuito 016, clarexando que non deixa pegada na factura.

– Estas agresións deben enfocarse como unha violación dos dereitos humanos, e como un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas.

– Titular con rigor. Evitar expresións que atenúen a responsabilidade criminal dos maltratadores ou asesinos.

– Identificar o agresor como único responsable. Obviar os comentarios que culpen á vítima ou banalicen a agresión.

– Rexeitar detalles morbosos e imaxes que poñan en perigo a integridade física ou psicolóxica da agredida.

– Impedir a difusión de informacións que presenten a muller nun papel subalterno ou dependente.

– Divulgar as mobilizacións de rexeitamento á violencia machista convocadas polos colectivos feministas, apelando á responsabilidade social dos medios de comunicación para contribuir a erradicala.

Manuais de referencia

Canto aos manuais, guías e referencias documentais para o tratamento rigoroso das información relativas á violencia de xénero, Xornalistas Galegas recomenda a consulta de:

– Declaración de Compostela. 2004. Impulsada polo Observatorio Galego de Medios ao amparo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Endecálogo de recomendacións para o tratamento informativo da violencia de xénero en Galicia.

– Medios de Comunicación e Violencia de Xenero. Manual de Redacción Xornalística. 2007. Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar. Xunta de Galicia.

– Guía práctica práctica para o tratamento informativo do sufrimento humano. Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Conta cun apartado específico sobre a violencia machista.

– Recomendacións para a información sobre violencia de xénero de CRTVG. 2015. Aprobadas polo Consello de Administración de CRTVG para uso nos medios públicos galegos.

– Informe sobre o tratamento da violencia de xénero nos medios galegos. 2007. Elaborado polo Grupo de Investigación Cidadanía e Comunicación (CIDACOM). Analiza o grao de cumprimento da Declaración de Compostela.

– Manual de estilo para o tratamento da violencia machista e linguaxe inclusiva. 2018. Referencia máis actualizada de ámbito estatal. A partir do 30 de novembro estará dispoñible para descarga gratuita a versión en castelán na web da Unió de Periodistes Valencians: unioperiodistes.org.

– Decálogo para el tratamiento informativo de la Violencia Machista. 2015. Asociación de Prensa de Madrid. Asumido polos medios dixitais Ctxt.es, Diagonal, Infolibre, La Marea, Periodistas-es.org, Publico.es, TMEX, eldiario.es.

Saúdos.

Xornalistas Galegas

Para máis información:
Email: xornalistasgalegas@gmail.com

Manifesto – Por un Xornalismo Feminista

WEB xornalistasgalegas.org

TWITTER @asxornalistas

2 Replies to “Xornalistas Galegas reclama un tratamento cualificado e rigoroso da información sobre violencia de xénero”

  1. Grazas compañeiras

    El vie., 23 nov. 2018 a las 11:38, Xornalistas Galegas () escribió:

    > xornalistasgalegas posted: ” O colectivo remite a profesionais dos medios > de comunicación unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes > existentes para abordar esta temática A Declaración de Compostela impulsada > polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Prof” >

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: