Xornalistas Galegas fai un chamamento aos poderes públicos para a compatibilidade das convocatorias de prensa e a conciliación

Co gallo do Día da Muller, a asociación promove unha racionalización dos horarios dos actos que requiren cobertura informativa para contribuír á conciliación das mulleres dos medios, que afrontan dificultades engadidas derivadas da natureza da súa profesión

Santiago, 8 de marzo de 2023. A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, fai un chamamento aos poderes públicos para a compatibilidade das convocatorias de prensa e a conciliación. Co gallo da conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, o colectivo vén de remitir ás administracións públicas e partidos políticos un escrito para promover a racionalización dos horarios dos actos que requiren cobertura informativa co obxectivo de contribuír á conciliación das mulleres dos medios de comunicación, que afrontan dificultades engadidas derivadas da natureza da súa profesión. 

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, apela á responsabilidade social dos poderes públicos na aplicación real das medidas de conciliación que se recollen nos seus idearios. “Entendendo e reivindicando a conciliación como un problema de Estado que debe ser afrontado de xeito profundo e transversal polas Administracións públicas, na súa tarefa de control dos dereitos laborais de todas as traballadoras, este 8M dende Xornalistas Galegas solicitamos unha medida concreta inmediata, que, lonxe de dar solución á problemática da conciliación, si contribúe a visibilizar un primeiro paso do compromiso dos poderes públicos nesta materia: a compatibilidade entre as convocatorias de prensa e a conciliación das profesionais”, expón o colectivo.  

Entre as accións concretas que as xornalistas reclaman no seu chamamento atópase a petición de que se teña en conta o criterio da conciliación das mulleres dos medios de comunicación á hora de realizar convocatorias de prensa, minimizando aquelas que, por horario –tarde-noite, fins de semana, festivos…, etc–, agravan as dificultades das xornalistas para conciliar. Así mesmo, a asociación reivindica o uso das tecnoloxías da comunicación e a información como vía de promoción de cara á cidadanía nos aspectos que non requiren unha cobertura informativa profesional, centrando as convocatorias de prensa naqueles actos nos que a cobertura presencial conleva un enriquecemento da información. 

Para subliñar estas demandas, a asociación promove en redes sociais o cancelo  #8mAsXornalistasConciliamos

Catro décadas de feminismo en Galicia

O feminismo transcendeu a teoría e os pequenos círculos para acometer unha convulsión social que tivo a súa máxima expresión o último 8 de marzo. Agora é máis que un movemento, é un verdadeiro modo de vida que pon en tela de xuízo tantas cousas establecidas que aínda resulta imposible enumeralas todas.

Falamos con María Xosé Queizán, Margarita Ledo Andión, Goretti Sanmartín Rei e Rosalía Fernández Rial dos inicios do feminismo en Galicia, a partir do 1975, e da súa evolución até o momento actual.

Este 8-M as mulleres poderán facer folga en Galicia por segunda vez na historia. A manifestación do domingo en Lugo, que reuniu a persoas de todo o país, demostrou que o feminismo rachou as barreiras e segue abríndose paso a pesar das dificultades impostas dende o poder.

1975: o inicio da andaina

“En 1975 Simone de Beauvoir, o símbolo da segunda vaga, a persoa que redactara en 1971 o ‘Manifesto 343’ polo dereito ao aborto en Francia, fai un acto na Faculdade de Letras da Universidade do Porto, onde eu impartía aulas. É ese o momento no que me sinto parte dun movemento que, máis tarde, recoñecería como feminista”, lembra Margarita Ledo.

En palabras de María Xosé Queizán, “o feminismo perdeuse nos anos 80 cando se abandona a liberdade sexual para todas e queda como liberdade sexual masculina. Houbo moitas mulleres que non tiñan unha conciencia feminista e foi un desastre, na miña opinión”.

“Tamén foi un desastre que se deixara de ler, porque o feminismo é un movemento pero necesita unha teoría e esa teoría foi fundamental nas primeiras escritoras, por iso tamén penso que agora deberíamos volver a elas”, reflexiona María Xosé.

Naqueles primeiros anos de democracia non se falaba de patriarcado…

Ana González liste

 

Podedes ler a reportaxe completa na revista Inorantes