Xornalistas Galegas participa no debate sobre a discriminación da muller no deporte promovido pola II Romaría Feminista de Barbadás

A xornada celebrada o sábado 5 urxiu máis recursos e formación xudicial e sanitaria para protexer as vítimas de violencia de xénero

Towanda Rebels e Feminista Ilustrada recoñecen o papel crucial das RRSS para impulsar o movemento feminista

O municipio de Barbadás converteuse o pasado sábado en capital galega da igualdade coa celebración da II Romaría Feminista, na que interviñeron representantes públicas, comunicadoras, deportistas e activistas e investigadoras que falaron do papel trascendental xogado polas redes sociais para impulsar o feminismo e convertelo nun movemento transversal que implica a mulleres de todas as idades.

A xornada deixou clara a necesidade de proporcionar formación específica a maxistradas e maxistrados en activo, establecer protocolos no ámbito sanitario para garantir unha rigorosa atención ás vítimas de violencia de xénero ou agresións sexuais e de buscar mecanismos para incrementar a presenza de mulleres nas federacións deportivas para intentar correxir discriminacións en materia salarial ou de recursos.

A nosa compañeira e socia Silvia Vieito foi a encargada de moderar a mesa titulada “A muller no deporte”, na que Marta Bobo, Carmen Cid “Witch”, Merce Barrientos e Lorena Novas falaron do teito de cristal que soportan as mulleres deportistas, a ausencia de medios, as diferenzas salariais e os estereotipos que persisten sobre a súa imaxe. “Aínda non se acepta que o corpo das mulleres deportistas é un medio e non a fin en sí mesma”, denunciaron nunha interesante charla na que advertiron que, pese a idea que poda terse, “o número de mulleres que fan deporte a nivel competición mantense invariable dende hai 30 anos”, situación que atribúen en parte á falta de apoios públicos, patrocinadores, cobertura mediática e sensibilización dende as escolas.

Seguir lendo “Xornalistas Galegas participa no debate sobre a discriminación da muller no deporte promovido pola II Romaría Feminista de Barbadás”

Xornalistas Galegas denuncia a discriminación das voces femininas como referentes de opinión nos medios de comunicación

O colectivo solicita aos responsables das empresas informativas máis espazos para a muller nas seccións de Opinión logo de comprobar que durante o mes de abril a representación feminina nos xornais dominicais galegos situouse só no 17%

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, denuncia a discriminación das voces femininas como referentes de opinión nos medios de comunicación. Co gallo da celebración hoxe do Día da Liberdade de Expresión, o colectivo solicita aos responsables das empresas informativas maior visibilidade para a figura feminina no ámbito da conformación da opinión pública, outorgando máis espazos ás sinaturas de mulleres de xeito que permita ampliar unha perspectiva igualitaria sobre os contidos. 

Xornalistas Galegas fai este chamamento á igualdade nos medios logo de comprobar que durante o mes de abril a representación feminina nos xornais dominicais galegos reduciuse ao 17% do total. Para esta análise, a asociación realizou un experimento sinxelo, consistente no reconto do número total de artigos de opinión publicados nos xornais galegos durante os domingos do mes de abril, contabilizando cántos de eles estaban asinados por homes e cántos por mulleres. 

O reconto cinguiuse aos xornais en papel con maior tirada segundo o Estudo Xeral de Medios e ás sección de opinión, non o conxunto da publicación, para indagar no compromiso dos medios co recurso a voces expertas –as propias desta sección- que puidesen aportar unha perspectiva feminina e feminista aos temas de actualidade. O resultado foi demoledor. Ningún dos 4 domingos de abril de 2019 a porcentaxe de mulleres opinadoras nos xornais de papel galegos superou o 20%.

En total, durante as catro xornadas recontáronse 201 artigos publicados dos que 167 estaban asinados por homes e só 34 por mulleres, un 17% do total. En concreto, o domingo 7 de abril recontáronse 42 artigos de homes por 8 de mulleres; o 14, 42 de homes por 11 de mulleres; o 21, 39 de homes por 5 de mulleres; e o 28, 44 de homes por 10 de mulleres. 

Ante a realidade que pon de manifesto esta análise, Xornalistas Galegas apela ao compromiso social dos medios de comunicación coa igualdade real na sociedade, comezando por aquelas referencias que xerán conciencia social e opinión pública. Como se pode deducir deste reconto xeralista, a discriminación da muller como opinadora non é unha cuestión allea a ninguna empresa informativa senón que é un problema sistémico do conxunto do espectro mediático. Por esta razón cómpre reiterar o chamamento aos responsables de todos os grupos de comunicación galegos para traballar diariamente pola igualdade de xénero nos seus contidos, informativos e de opinión

#MulleresQueNonOpinan

Os resultados do reconto elaborado por Xornalistas Galegas publicáronse semanalmente na conta de Twitter da Asociación, @asxornalistas, baixo a etiqueta #MulleresQueNonOpinan. Esta etiqueta é a homenaxe do colectivo a #MullereQueOpinan, o encontro anual de mulleres columnistas que organización as xornalistas Susana Pedreira e Diana López en Pontevedra para reivindicar as voces femininas na prensa.