Xornalistas Galegas participará na I Romería Feminista de Barbadás

O vindeiro 29 de setembro o concello ourensán de Barbadás aspira a converterse na capital da igualdade en Galicia e Xornalistas Galegas non podía faltar á celebración da súa primeira romería feminista, que se celebra baixo o lema “Logo do 8M camiñamos”.

A iniciativa trata de tecer redes entre colectivos que traballan dende diferentes eidos sociais, pero que comparten a necesidade de combater o sistema patriarcal e adoptar unha perspectiva de xénero en campos tan diversos pero imprescindibles como a política sanitaria, a xustiza ou o xornalismo.

É aí onde se enmarca a participación de Xornalistas Galegas, nunha xornada que arrancará ás 11.00 da mañá avaliando os próximos pasos do movemento feminista da man da Plataforma Feminista Galega ou representantes da Marcha Mundial das Mulleres e que ás 12.30 repasará o trascendental papel das comunicadoras galegas no impulso ao movemento do 8M. Será nesta mesa de debate na que intervirá a integrante do colectivo Andrea Méndez, que compartirá tempo con profesionais de recoñecida traxectoria como Fernanda Tabarés, Cristina Huete ou Susana Pedreira nun debate moderado por Olga Garrido.

A I Romería Feminista de Barbadás está pensada para converterse nun punto de encontro no que tamén se porá sobre a mesa o gravísimo tema da violencia sobre as mulleres que non cesa, e terá unha parte máis lúdica cun espacio gastronómico e concertos. A música poñerana Xestreu, De Vacas, Ses e The Tetas Van.

Programa-definitivo-Romaría-714x1000

Deixar un comentario