O 76% das traballadoras dos medios e os gabinetes de comunicación de toda Galicia secundaron a folga de mulleres do 8 de marzo, segundo os datos obtidos por Xornalistas Galegas.
Xornalistas, fotógrafas, infografistas ou deseñadoras dos medios e gabinetes de comunicación das catro provincias galegas uníronse de xeito masivo á folga feminista convocada a nivel mundial, superando o 50% de secundamento en todas as grandes cidades de Galicia, como Santiago de Compostela (93%), Pontevedra (93%), Vigo (92%), A Coruña (60%), Lugo (60%), Ferrol (60%) ou Ourense (52%).
No caso dos medios de comunicación e gabinetes autonómicos (traballadoras das delegacións galegas de xornais ou televisións estatais, así como comunicadoras de oenegués, fundacións, institucións públicas e privadas ou colexios profesionais), a porcentaxe de mulleres que secundaron a folga do 8 de marzo ascendeu ao 78%.
Os datos de seguimento da folga de mulleres do 8 de marzo exclúen as comunicadoras que non tiñan turno de traballo ese día, así como as traballadoras de baixa laboral, en excedencia ou en desenvolvemento de prácticas profesionais. A asociación Xornalistas Galegas tampouco tivo en conta os paros parciais nin as medias xornadas realizados polas comunicadoras galegas o 8 de marzo.
Dende Xornalistas Galegas, cuxas integrantes participamos activamente nas concentracións e manifestacións convocadas en toda Galicia, celebramos o contundente apoio á folga de mulleres do 8 de marzo por parte das comunicadoras galegas, un feito que ao noso entender evidencia a necesidade urxente duns medios de comunicación igualitarios con perspectiva de xénero, sen teitos de cristal nin diferenzas nas condicións laborais e salariais por cuestións de xénero.