O violador es ti

Hai no mundo un silencio que berra con tanta forza que o ouvido da humanidade non o chega a escoitar. É o berro da inmensa vergoña, do inmenso medo, o berro da metade da poboación mundial cando trata de pegar un xeonllo contra o outro, baixa a cabeza e pecha os ollos tan forte que logra ver galaxias. Tan cotián que, mesmo cando a (in)humanidade logra velo, no canto de escoitalo, continúa sen reaccionar. É o que sofren o 35% das mulleres de todo o mundo nalgún momento das súas vidas. «Es la violación», que cantan as chilenas Las Tesis.

Y la culpa no era mía ni dónde estaba ni cómo vestía.
El violador eras tú. El violador eres tú.
Son los pacos. Los jueces. El Estado. El presidente.
El Estado opresor es un macho violador.
El violador eres tú.

Que este himno contra a violencia sexual veña de dar a volta ao mundo, con performances e adaptacións de letra en numerosos recunchos do planeta -cos consecuentes memes e reaccións arroutas de machistas nerviosos-, non é unha casualidade. A voz das chilenas logrou esnaquizar o silenciador do berro do medo e a vergoña: medo a que non te crean e vergoña pola certeza de que alguén te vai facer sentir culpable da túa violación. Pon o foco con firmeza e dedo acusador nos agresores, eses cuxas imaxes escasean nos telediarios, en contraste co aluvión de fotografías das vítimas cando a agresión sexual chega a transcender ata as pantallas. Ou, o que é o mesmo, cando remata en asasinato.

Que se sepa é o nome dunha enquisa que está a revolucionar as redes sociais nas derradeiras semanas. O cuestionario, duns 10 minutos de duración, pregunta a mulleres e homes por distintos episodios relacionados coa violencia sexual ao longo das súas vidas, no eido da parella e fóra dela. Todas as cuestións contan cunha segunda pregunta: «Quen cho fixo, foi un home ou unha muller?». Como di a manida frase viral, cargada de ironía, antes de coñecer os resultados da enquisa, podemos dicir que o que virá a continuación hanos sorprender.

As violacións tamén forman parte dun estereotipo. Contra a idea estendida do violador que te asalta pola rúa e te mete nun coche, a ONU sinala que ata o 70% das mulleres en moitos países do mundo son violadas por parte do seu compañeiro sentimental, unha cifra arrepiante que nos indica que quizais si, hai que meter o fociño no que pasa nos cuartos conxugais, ademais de nos que se practica sexo esporádico.

A violación na parella non é só unha agresión propia de matrimonios concertados en países subdesenvolvidos. Un vídeo viral guionizado e protagonizado por Chloé Fontaine mostrou a gravidade da situación hai tres anos, deixando co corazón conxelado a moitas mulleres que de súpeto lograban poñer nome a unha situación brutalmente cotiá. Nel vemos unha parella nova, agarimosa, na cama, na que podería ser unha escena íntima de domingo pola tarde. El propón ver unha película –o filme é Irreversible, de Gaspar Noé, que xira en torno a unha violación–, ela di que non quere. El bícaa e colócaselle enriba, ela di «non me apetece». «Xa non me queres?«, pregunta o mozo, e continúa insistindo. Non a escoita. Domínaa fisicamente. Ela acaba desistindo e deixándose facer. A alguén lle soa?

O vídeo, titulado Son ordinaria, resulta todo un experimento sociolóxico para medir o noso machismo: de xeito maioritario, se as mulleres quedan en shock ao recoñecérense na pantalla, un gran número de homes rexeitan cualificar o que mostra a curta como unha violación. Porque son unha parella. Porque se o son, como non vai querer ela deitarse con el sempre que a el lle apeteza. Porque se está con el, ela é súa. Fagan a proba. E verán.

Urxe analizar en que punto nos atopamos á hora de ver ou non ver unha agresión sexual cando a temos diante e incorporar dunha vez por todas os factores desexo, pracer e consentimento. Hai dous anos, un despois da publicación do vídeo de Fontaine, unha muller de 19 anos concursaba no reality Gran Hermano Revolution de Telecinco. Na famosa casa de Guadalix de la Sierra, José María López, o home co que iniciara un idilio dentro do concurso, abusou (presuntamente) dela unha noite, cando estaba bébeda e inconsciente. Diante das cámaras. Pero o equipo de Zeppelin, a produtora do programa, non interveu para deter o que estaba sucedendo. O protocolo dos responsables foi lanzar unha breve advertencia a López polos altofalantes do cuarto, expulsalo do concurso horas máis tarde pola porta de atrás, levar á agredida a unha sala ao día seguinte e mostrarlle o vídeo da agresión. E ese momento tamén foi gravado: ela pedía repetidamente por favor que parasen de mostrarlle as imaxes.

«Fontes de Zeppelin admitiron á BBC que se cometeron erros, o que indica que, aínda que había sospeitas sobre o comportamento de López, tamén había dúbidas sobre o que estaba acontecendo porque eran unha parella«, apunta o medio británico. Sen feminismo e perspectiva de xénero, fíxose evidente que ata o ollo que todo o ve pode ignorar o que está vendo.

«No somos violadores. Somos unos pardillos a los que les quieren joder la vida» ou «¿a quién he ‘matao’?» son algunhas das frases pronunciadas polos xogadores da Arandina condenados a 38 anos de prisión por violar a unha moza de 15 anos, nunhas imaxes emitidas repetidas veces nos telexornais de todo o Estado a derradeira semana. Un altofalante de ouro para un grupo de violadores coa oportunidade de gañar o apoio da opinión pública con cinismo, mentres tratan de afundir aínda máis á moza que violaron. Parte da veciñanza da localidade de Aranda del Duero participou en concentracións para protestar pola sentenza contra estes mozos «exemplares» que, nada máis saír do xulgado, xa condenados, ameazaron diante das cámaras con filtrar as conversas de WhatsApp mantidas coa vítima.

De novo, o ollo que ve non é quen de recoñecer unha violación cando a ten diante, sentenza xudicial incluída, e agárrase á superficialidade de «los buenos chicos». De novo, unha muller é xulgada pola sociedade por ter denunciado unha violación, e mesmo despois de que a Xustiza lle dera a razón. De novo, toca sinalar os violadores con todas as nosas forzas, os que violan, os que os apoian e os que calan. Por fortuna, tamén hai outros ollos. Para os nosos, que vos miran, o violador es ti.

CLÁUDIA MORÁN

 

Este artigo de opinión foi publicado o 17 de decembro do 2019 na Revista Luzes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s