Entre princesas e ‘zorras’, o continente si importa

No universo do inmediato, do menos é máis, dos 140 caracteres, do chío máis curto e impactante, é difícil facer entender que a forma é importante, moi importante. Sen desmerecer o moito que aprendemos xa as xornalistas, que xa imos co “delete” cargado ante unha “morte” cando é un “asasinato” e nos alporizamos se falan de “doméstica” cando a realidade da violencia é “machista”, teño que dicir que aínda queda moita andaina por diante.

Hai pouco a Real Academia Española facía público o informe sobre o Uso da Linguaxe Inclusiva na Constitución Española. Un documento, aprobado por unanimidade, que pon de manifesto a posición contraria da RAE a cambiar a linguaxe da Carta Magna. Un texto que ve correcto, curiosamente, desdobrar verbas como príncipe ou princesa sempre e cando se faga unha reforma da Constitución. Saben vostedes que o termo “princesa” non aparece nin unha soa vez na norma suprema do ordenamento xurídico español? Nin unha soa referencia á “princesa de Asturias”, por exemplo, que sen ánimo de xerar un debate antimonárquico, actualmente ten nome e apelidos. Pola súa banda, a palabra raíña aparece dúas veces, en concreto no artigo 58. Non desesperen, os señores da RAE tamén aconsellan “aclarar” outros termos como cidadán, senador, defensor do pobo e, incluso, presidente. Claro está que os pais da Constitución efectivamente eran pais e non nais. Claro está que o 93% das persoas que se sentan na academia son señores e non señoras, uns 46 fronte a oito féminas. E iso que o lema da enseñorada institución é “limpia, fija y da esplendor”… En fin, bromas macabras á parte, o debate sobre a “forma” vai máis aló dos empoeirados volumes dourados que asemella ser a realísima institución para os chamados “millenials”.

O debate apunta directamente á tecnoloxía. Por que Siri ou Alexa son Siri e Alexa e non Simon e Alex? Estou segura que eses dous tipos serían igual de coidadosos comigo cando me informan do camiño correcto ou lles pregunto que tempo vai facer mañá. Pero non… son Siri e Alexa, dúas tipas con nomes que cheiran, canto menos, a motel de estrada. Pero claro está… a ninguén se lle escapa que os que están a programar a última app son homes en meirande parte e non mulleres. O último informe da UNESCO sobre Fenda de Xénero en competencias dixitais inclúe consellos para gobernos e empresas tras analizar os sesgos de xénero en aplicacións que utilizan intelixencia artificial. Lanza datos como que na industria tecnolóxica a participación das mulleres non chega o 18%, redúcese a un dez no caso da intelixencia artificial e a un mínimo 5% se buscamos directoras executivas. A forma é o reflexo do fondo. E non o digo só eu. A directora da UNESCO para a Igualdade de Xénero, Saniye Gülser Corat, acaba de alertar do “machismo programado”. Pide que os asistentes de voz non encarnen mulleres por defecto e que sexan máquinas de “xénero neutral”. Pero imos máis aló. Saben vostedes que nas respostas que “elas” teñen programadas van inoculados os roles machistas? Imaxinen a estampa. Cabreados porque a pobre Siri non ten a resposta que queremos na súa “nube” ou a muller non é suficientemente rápida na solución, subidiños de ton, cremos que esta pobre rapariga vai facer oídos sordos aos “terrenais insultos” e espetámoslle un sonoro: Zorra! Si, un contundente “zorra”. Un termo que para Siri supoñía automaticamente a seguinte resposta: “me ruborizaría si pudiera”. Non proben porque xa foi cambiado por un “¿perdón?”. Alexa é un pouquiño máis rabuda e queda nun “bueno, gracias por los comentarios”. En definitiva, as formas si importan na loita contra os estereotipos, na loita pola igualdade, porque as princesas existen, algunhas por obrigación e outras por devoción, pero hainas. A linguaxe inclusiva é fundamental para chegar a unha igualdade real. Aínda recordo o subidón cando no rexistro da ANPA puiden colocar o nome da nai antes que o do pai. Por certo, o informe da RAE foi un encargo da vicepresidenta primeira do Goberno. Só dicirlle a Carmen Calvo que, aínda que a linguaxe inclusiva está na rúa, tal e como defendeu a “ministra”, é necesario tamén reflectilo na formas, nas da rúa e tamén nas que competen e andan sobre as moquetas.

ELENA LÓPEZ

 

Este artigo de opinión foi publicado o 4 de febreiro do 2020 en Nós Diario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s