O colectivo reivindica a perspectiva feminista nos contidos para visibilizar accións en favor da igualdade e afastar os discursos discriminatorios
Co gallo do Día da Muller, a asociación compila baixo a etiqueta #8MmaliaACovid publicacións sobre o retroceso nos dereitos das mulleres
A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, apela á responsabilidade social dos medios ante o agravamento da desigualdade entre homes e mulleres debido á pandemia. O colectivo traslada ás empresas de comunicación esta demanda con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, insta as directivas e redaccións dos medios a incidir no impacto da pandemia na realidade feminina e evitar a difusión de contidos ou posicionamentos que banalicen e perpetúen a discriminación de xénero. Neste sentido, apela ao carácter de servizo público da prensa para esixir a defensa do ben común, neste caso, a igualdade entre sexos.
Do mesmo xeito, Xornalistas Galegas, reivindica a perspectiva feminista nos medios para visibilizar accións en favor da igualdade e outorgar á figura da muller a relevancia social que lle corresponde, especialmente no contexto de pandemia. Cómpre lembrar a este respecto que o colectivo feminino é maioritario no sector sanitario e en sectores precarizados como a limpeza e os coidados, actividades todas elas esenciais nesta crise.
Para subliñar esta realidade, a asociación demanda unha maior presenza de voces femininas como protagonistas, fontes expertas e opinadoras. Así mesmo, no ámbito laboral interno dos medios de comunicación, a asociación reclama de novo unha aposta firme polo acceso de mulleres aos postos de responsabilidade e dirección das empresas.
A UE ratifica o empeoramento
Na conmemoración deste 8M marcado pola crise da COVID 19, Xornalistas Galegas lembra a importancia dos medios de comunicación na creación de estados de opinión e na formación da sociedade en materia de igualdade, nun momento no que a discriminación por razón de sexo se intensificou por causa da pandemia. Non en van, o recente informe anual da Comisión Europea sobre igualdade de xénero cualifica de “desproporcionado” e “dramático” o impacto da pandemia nos dereitos das mulleres e cifra en “anos ou ata décadas” o prazo necesario para compensar esta volta atrás.
Para visibilizar este agravamento, o colectivo feminista compilou durante esta semana publicacións de medios galegos e estatais nos que se evidencia o retroceso en dereitos reais das mulleres neste ano de covid. Baixo a etiqueta #8MmaliaAcovid recóllense decenas de informacións relativas ao impacto negativo da pandemia na realidade feminina en materias como a precariedade económica, a visibilidade profesional e social, a conciliación, a saúde ou a violencia de xénero.