Xornalistas Galegas impulsa ante o Parlamento unha iniciativa para garantir o cumprimento das leis de igualdade e violencia de xénero nos medios

A asociación rexistrará unha proposición non de lei de iniciativa popular para promover medidas coercitivas para as empresas de comunicación


O texto insta á Xunta de Galicia a dar conta pública dos apercibimentos remitidos a medios pola publicación de contidos sexistas e a establecer as canles para integrar nas tarefas de control as denuncias dos colectivos profesionais

A asociación Xornalistas Galegas presentará ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei de iniciativa popular solicitando o reforzo das medidas de control da aplicación das leis de igualdade e para a prevención da violencia de xénero nos contidos dos medios. O colectivo, integrado por mulleres de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, demandará o apoio da Cámara para o
establecemento das medidas coercitivas necesarias para a aplicación do marco legal vixente.

O texto, que está a ser presentado aos grupos parlamentarios co obxectivo de obter o seu apoio unánime, fai referencia ás obrigas específicas dos medios de comunicación que recollen a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Ambas normas establecen a obriga legal dos medios de promover a igualdade entre homes e mulleres e aplicar pautas informativas específicas no tratamento das informacións de violencia machista.

Na exposición de motivos do documento, o colectivo lembra que malia este marco legal en vigor, Xornalistas Galegas, na súa tarefa de vixilancia de contidos sexistas detecta de xeito recorrente e denuncia nas súas redes sociais exemplos de incumprimentos sistemáticos por parte dos medios de comunicación que difunden os seus contidos en Galicia. Ante esta situación, que supón un flagrante incumprimento das leis vixentes, a asociación propón ao Parlamento de Galicia que apoie as medidas oportunas para revertela.

Entre estas medidas, a iniciativa de Xornalistas Galegas demanda información pública dos indicadores que se aplican para o control do cumprimento das leis relativas á igualdade, así como a publicación dos apercibimentos que se remiten aos medios de comunicación polo seu incumprimento. As xornalistas piden tamén que se reforcen os mecanismos de control dos contidos dos medios e se establezan as canles de comunicación necesarias para integrar nestas tarefas as denuncias dos colectivos profesionais. Finalmente solicitan a aprobación dun regulamento sancionador e medidas coercitivas directas.

Chamamento aos medios
Ademais de impulsar esta proposición non de lei, co gallo do 25 N, Xornalistas Galegas vén de facer un chamamento aos medios para que apliquen un tratamento especializado da información sobre violencia de xénero. Neste sentido, o colectivo lembra ás directivas das empresas de comunicación a necesidade de contar con profesionais e fontes especializadas á hora de informar sobre esta problemática.

Para contribuír ao bo facer profesional o colectivo vén de remitir ás redaccións dos medios unha compilación de guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática. Entre as suxestións do colectivo atópanse a Declaración de Compostela impulsada hai agora 14 anos polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia ou a guía do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, así como diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas de ámbito autonómico e estatal. Así mesmo, Xornalistas Galegas lembra tamén que estes textos poden ser consultados gratuitamente na rede por todas as persoas interesadas e atópanse dispoñibles na páxina web do colectivo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: