Xornalistas Galegas recibe o premio Comunicar en Igualdade 
pola súa análise da presenza de mulleres na Opinión

As compañeiras do grupo As Mulleres na Opinión gañan o primeiro premio pola reportaxe “As mulleres na Opinión: un elefante rosa no medio das redaccións”

O grupo As Mulleres na Opinión, da asociación Xornalistas Galegas, vén de gañar o premio Comunicar en Igualdade 2019 da Xunta de Galicia pola reportaxe “As mulleres na Opinión: un elefante rosa no medio das redaccións”, que analiza a Opinión nos principais xornais galegos. 

Este galardón, outorgado pola Secretaría Xeral de Igualdade, destaca co primeiro premio a radiografía dos artigos de Opinión publicados nos sete xornais galegos con máis lectores segundo o Estudo Xeral de Medios, que derivou na reportaxe publicada o pasado 15 de setembro do 2019 no xornal dixital Praza Pública. 

O traballo premiado avalía máis de 27.000 pezas publicadas ao longo do ano 2018 dentro do xénero da Opinión e reflicte que só un 15,5% destas levan unha sinatura feminina. Contabilizada toda a opinión do ano pasado en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso, La Región, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra e La Opinión A Coruña o estudo conclúe que hai sete artigos asinados por homes por cada muller que opina. 

O premio Comunicar en Igualdade 2019, cuxa resolución sae publicada no DOG do 12 de novembro do 2019, ten como obxecto “recoñecer e recompensar traballos de tipo xornalístico que contribúan á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero”.

Xornalistas Galegas felicita ás Mulleres na Opinión por este traballo que pretende abrir un debate en toda a sociedade e extende os seus parabéns ao resto das premiadas, ás xornalistas Sara Vila Alonso e Montserrat Dopico González, e a Uxía Castro, Lucía Parrilla del Río e Silvia López que foron galardoadas na categoría para o alumnado universitario.

As Mulleres na Opinión é unha equipa de profesionais galegas do eido da comunicación que estivo coordinada polas xornalistas Cláudia Morán, Susana Rois e Ana González Liste. Este grupo forma parte da asociación Xornalistas Galegas, que naceu da forza da primeira folga de mulleres nun 8 de marzo e que loita por un xornalismo con perspectiva feminista.

Xornalistas Galegas participa no II foro As mulleres que opinan son perigosas de Pontevedra

As Xornalistas Galegas participamos o pasado sábado no II Encontro de Mulleres Columnistas As mulleres que opinan son perigosas, organizado polas comunicadoras Susana Pedreira e Diana López Varela xunto coa Deputación e o Concello de Pontevedra, o CIM pontevedrés e a Escola de Igualdade María Vinyals, tras a recente consolidación como asociación de carácter horizontal. 

Despois de realizar unha pequena representación con algo de performance na que se relataron algúns dos problemas máis habituais aos que se enfrontan as mulleres nos medios de comunicación, unha representación das Xornalistas Galegas explicamos os obxectivos que se perseguimos dende o noso nacemento e o traballo que se está a levar a cabo na asociación.

Seguir lendo “Xornalistas Galegas participa no II foro As mulleres que opinan son perigosas de Pontevedra”

Xornalistas Galegas preséntase en Santiago o 10N para reivindicar un xornalismo feminista

Xornalistas Galegas, unha asociación que integra a mulleres profesionais do eido da comunicación, preséntase publicamente o sábado 10 de novembro nun acto no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Neste evento reivindicarase a necesidade dun xornalismo feminista.

O programa do acto, no que se está traballando neste momento, recollerá o testemuño de voces autorizadas de mulleres destacadas do xornalismo, do feminismo e pioneiras doutros ámbitos. Trátase de responder a unha pregunta sinxela pero imprescindible: por que é preciso un xornalismo con perspectiva feminista?

Seguir lendo “Xornalistas Galegas preséntase en Santiago o 10N para reivindicar un xornalismo feminista”