As Xornalistas Galegas participamos o pasado sábado no II Encontro de Mulleres Columnistas As mulleres que opinan son perigosas, organizado polas comunicadoras Susana Pedreira e Diana López Varela xunto coa Deputación e o Concello de Pontevedra, o CIM pontevedrés e a Escola de Igualdade María Vinyals, tras a recente consolidación como asociación de carácter horizontal.
Despois de realizar unha pequena representación con algo de performance na que se relataron algúns dos problemas máis habituais aos que se enfrontan as mulleres nos medios de comunicación, unha representación das Xornalistas Galegas explicamos os obxectivos que se perseguimos dende o noso nacemento e o traballo que se está a levar a cabo na asociación.
No Teatro Principal de Pontevedra falamos da nosa necesidade de crear un observatorio vixilancia respecto de contidos machistas nos medios de comunicación e de elaborar unha axenda de expertas para que nunca máis poidamos escoitar que non había ningunha muller á que chamar para unha reportaxe ou para escribir un artigo de opinión.
Tamén fixemos fincapé na necesidade de coidarnos entre nós e lembramos que estaremos ao lado das compañeiras que sufran calquera tipo de acoso por defender un xornalismo feminista. Despois, contestamos ás preguntas lanzadas desde o público e invitamos ás presentes a sumarse á asociación como forma de participación activa na causa feminista.
No II foro As mulleres que opinan son perigosas, mulleres de todos os ámbitos da comunicación e a opinión a nivel galego e estatal subiron ao escenario do Teatro Principal de Pontevedra para opinar, comentar, ilustrar, rebater e mesmo facer rir aos asistentes tirando da ironía coas súas intervencións.
As xornalistas Pepa Bueno, Mª Xosé Porteiro, Ana Romaní, Tati Moyano, Irene Bascoy, Gemma Herrero e Lucía Mbomio, xunto coas escritoras Marta Sanz e Inma López Silva ou as activistas Towand Rebels, entre outras, ofreceron as súas visións propias, tanto persoais como profesionais, respecto da cuarta ola feminista que se está a vivir en todo o mundo.
A presenza das mulleres nas canles de opinión, pero tamén a abolición da prostitución, o discurso político da ultradereita ou o uso excesivo do concepto de “micromachismos” de xeito erróneo foron algunhas das temáticas máis repetidas nos relatorios deste ano.
Dende Xornalistas Galegas queremos reiterar o noso agradecemento a Diana López Varela e Susana Pedreira por contar connosco para o seu #MulleresQueOpinan e desexarlles unha longa vida organizando estas xornadas tan necesarias.
*Fotografía da Deputación de Pontevedra.