- O colectivo participou este sábado na I Romería Feminista de Barbadás
- Na mesa de debate avaliouse o papel dos medios tralo 8M
O colectivo Xornalistas Galegas vai tecendo novas redes. Este sábado participamos na I Romería Feminista de Barbadás na que intercambiamos propostas sobre igualdade coa Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, xuízas especializadas en violencia de xénero e comunicadoras. Ese era o noso papel nesta cita co feminismo galego. Formar parte dunha mesa de debate no se que avaliou o papel das comunicadoras como difusoras da mensaxe do 8M e do impulso ao feminismo a partir das movilizacións históricas do mes de marzo.
A compañeira Andrea Méndez compartiu intervención con Cristina Huete -El País-, Fernanda Tabarés -Grupo Voz- e Susana Pedreira -Onda Cero Pontevedra- na segunda mesa da xornada, onde se falou das estruturas masculinizadas dos medios, a necesidade de evitar unha linguaxe sexista e crear referentes femininos para as novas xeracións, a imprescindible incorporación de mulleres á sección de opinión e se debateu sobre a responsabilidade dos medios como xeradores de opinión e axentes socializadores.
Houbo coincidencia absoluta na urxencia de imprimir cambios nos contidos que se trasladan á sociedade e fundamentalmente no tratamento das informacións relativas á violencia de xénero, evitando a humanización dos asasinos, o cuestionamento das víctimas e malas praxes profesionais como facer mención á vestimenta das agredidas ou ao consumo de alcohol por parte dos agresores como atenuantes.
O traballo pola igualdade dende as escolas e as políticas municipais en prol do cambio foron outros dos temas que ocuparon parte da I Romería Feminista de Barbadás, onde Marta Rodríguez Engroba, Carme Adán e a xuíza Paz Filgueira abordaron os erros no sistema de avaliación do risco das mulleres e a ausencia de empatía nas comisarías á hora de denunciar, pero tamén lanzaron a mensaxe positiva de que as denuncias “teñen efecto disuasorio”.