- O colectivo participou nunha mesa redonda sobre Sororidade dentro do acto “A Autoorganización como resposta á violencia de xénero” organizado pola Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo
O colectivo Xornalistas Galegas reivindica o papel que deben xogar os medios de comunicación na loita pola igualdade de xéneros e contra a violencia machista. Así quedou de manifesto de novo a pasada semana no acto “A autoorganización como resposta á violencia de xénero”, organizado pola Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, no que o colectivo participou como integrante da mesa redonda sobre Sororidade.
A través da voceira Alba Taladrid, Xornalistas Galegas solicitou ás entidades e axentes que traballan diariamente a prol do feminismo e pola erradicación da violencia machista “un voto de confianza para a prensa amiga” á que representa o colectivo na súa procura dun xornalismo feminista que loite contra o machismo imperante na prensa e pola desaparición definitiva das discriminacións de xénero.
Neste sentido, a asociación Xornalistas Galegas lembrou que entre os seus principais obxectivos, que se recollen no manifesto fundacional asinado xa por preto de 200 traballadoras do ámbito da comunicación en Galicia, destaca o de denunciar a discriminación feminina na prensa e visibilizar o papel da muller no conxunto da sociedade en xeral.
Na mesa redonda sobre Sororidade, Xornalistas Galegas compartiu debate con outras asociacións feministas como é o caso do colectivo estudiantil non mixto Curuxa e o movemento Afrogalegas. Así mesmo, con anterioridade a este debate, o acto celebrado no edificio do antigo reitorado de Vigo contou tamén coa participación dos colectivos Esculca –pola defensa dos dereitos e as liberdades- e Faraxa –pola abolición da prostitución-.