Xornalistas Galegas impulsará a creación dunha axenda de expertas e un observatorio de medios

  • Mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación presentan en Compostela un colectivo para acadar un xornalismo con perspectiva feminista.

Xornalistas Galegas, asociación formada por un amplo grupode comunicadoras galegas, presentou hoxe as súas liñas de traballo encamiñadas a acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria a partir da produción dun xornalismo con perspectiva feminista. O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

O colectivo, na súa loita pola igualdade de xénero e a erradicación definitiva do machismo e o sexismo, está traballando na elaboración dunha axenda de expertas, que permita contar con especialistas en ámbitos como a economía, a ciencia, o deporte ou o propio feminismo no tratamento da información. Xornalistas Galegas porá a disposición das redaccións galegas, nomes e entidades de referencia nos diferentes ámbitos.

A creación dun observatorio de medios, un organismo dende o que realizar unha vixilancia feminista dos contidos e o tratamento das mulleres nos medios de comunicación, así como levar a cabo as denuncias pertinentes, é outro dos alicerces da asociación. “Vemos a necesidade de facer que informacións ou opinións machistas deixen de ser costume nos medios de comunicación, por iso comprometémonos a traballar nun observatorio dos contidos dos medios en coordinación coas Universidades galegas apunta unha das voceiras do colectivo. A través da formación deontolóxica e a instalación da perspectiva feminista nos editores de contidosXornalistas Galegas promoverá o tratamento especializado da violencia de xénero na información.

Seguir lendo “Xornalistas Galegas impulsará a creación dunha axenda de expertas e un observatorio de medios”

Xornalistas Galegas reivindica o papel dos medios de comunicación na loita feminista

  • O colectivo participou nunha mesa redonda sobre Sororidade dentro do acto “A Autoorganización como resposta á violencia de xénero” organizado pola Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo

O colectivo Xornalistas Galegas reivindica o papel que deben xogar os medios de comunicación na loita pola igualdade de xéneros e contra a violencia machista. Así quedou de manifesto de novo a pasada semana no acto “A autoorganización como resposta á violencia de xénero”, organizado pola Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, no que o colectivo participou como integrante da mesa redonda sobre Sororidade.

A través da voceira Alba Taladrid, Xornalistas Galegas solicitou ás entidades e axentes que traballan diariamente a prol do feminismo e pola erradicación da violencia machista “un voto de confianza para a prensa amiga” á que representa o colectivo na súa procura dun xornalismo feminista que loite contra o machismo imperante na prensa e pola desaparición definitiva das discriminacións de xénero.

Seguir lendo “Xornalistas Galegas reivindica o papel dos medios de comunicación na loita feminista”

Xornalistas Galegas defende un tratamento rigoroso das informacións sobre violencia de xénero

  • O colectivo participou este sábado na I Romería Feminista de Barbadás
  • Na mesa de debate avaliouse o papel dos medios tralo 8M

O colectivo Xornalistas Galegas vai tecendo novas redes. Este sábado participamos na I Romería Feminista de Barbadás na que intercambiamos propostas sobre igualdade coa Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, xuízas especializadas en violencia de xénero e comunicadoras. Ese era o noso papel nesta cita co feminismo galego. Formar parte dunha mesa de debate no se que avaliou o papel das comunicadoras como difusoras da mensaxe do 8M e do impulso ao feminismo a partir das movilizacións históricas do mes de marzo.

A compañeira Andrea Méndez compartiu intervención con Cristina Huete -El País-, Fernanda Tabarés -Grupo Voz- e Susana Pedreira -Onda Cero Pontevedra- na segunda mesa da xornada, onde se falou das estruturas masculinizadas dos medios, a necesidade de evitar unha linguaxe sexista e crear referentes femininos para as novas xeracións, a imprescindible incorporación de mulleres á sección de opinión e se debateu sobre a responsabilidade dos medios como xeradores de opinión e axentes socializadores.

Seguir lendo “Xornalistas Galegas defende un tratamento rigoroso das informacións sobre violencia de xénero”

Ribadeo organiza unhas xornadas para atallar a violencia de xénero dende o ámbito local

A localidade lucense de Ribadeo acolle os días 21 e 22 de setembro a décimo primeira edición das Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local, baixo o lema “Reafirmando estratexias”.

Xustiza patriarcal, violencia simbólica, o sistema de desigualdade e as estratexias para combater as violencias machistas dende a autodefensa feminina son algúns dos temas que se porán sobre a mesa.

Contarán con experiencias persoais de empoderamento de superviventes da violencia e profundizarán en asuntos de actualidade como as sentenzas de La Manada ou Juana Rivas e as diversidades afectivo-sexuais e identidades de xénero na escola.

Entre as novidades desta edición desenvolveranse actividades lúdicas para os máis pequen@s coa finalidade de educar, sensibilizar e axudar á conciliación.

As Xornadas de Abordaxe da Violencia de Xénero están firmemente consolidadas e contribúen a tecer redes de colaboración na loita para a erradicación das violencias contra as mulleres. Están organizadas polo Concello de Ribadeo e o Centro de Información á Muller. A asistencia é gratuita o prazo de inscrición está aberto ata o 19 de setembro.