Xornalistas Galegas chama á representación política a garantir o cumprimento das leis de igualdade e violencia de xénero nos medios

  • A asociación súmase ás reinvidicacións do feminismo galego polo 8M e demanda das empresas de comunicación o impulso ás editoras de xénero, formación específica nas redaccións e o veto aos anuncios de prostitución

A asociación Xornalistas Galegas, integrada por representantes de todos os ámbitos de comunicación comprometidas cun xornalismo con perspectiva de xénero, súmase ás reivindicacións do feminismo galego co gallo da celebración do vindeiro 8 de Marzo. O colectivo profesional engade ás demandas globais diversas necesidades sectoriais específicas dos medios de comunicación e a profesión xornalística.

Entre as demandas de maior urxencia que presenta o colectivo destaca o chamamento á representación política a garantir o cumprimento das leis vixentes en materia de igualdade e violencia de xénero que se vulneran de xeito sistemático na realidade informativa galega. En concreto, Xornalistas Galegas reclama o cumprimento da Lei de igualdade nos medios públicos autonómicos así como do Artigo 9 da Lei de violencia de xénero de Galicia que explicita as obrigas dos medios de comunicación nesta materia. Así, a agrupación reclama que se habiliten os mecanismos de control necesarios para que a produción xornalística cumpra coas esixencias legais como o “especial coidado no tratamento gráfico da información” ou que “as informacións relativas á violencia sobre a muller velen polo dereito á intimidade das vítimas e das súas fillas e fillos”.

Canto ás responsabilidades das propias empresas de comunicación de Galicia, a asociación demanda o impulso da figura da editora de xénero nos medios, outorgando así a transversalidade necesaria á perspectiva igualitaria nos contidos. Así mesmo, lembra a necesidade de impartir formación específica nas redaccións sobre igualdade, feminismo e tratamento informativo da violencia de xénero e de fomentar a presencia de firmas femininas nas seccións de opinión que teñen especial incidencia na creación de conciencia social. Finalmente, Xornalistas Galegas reclama a consideración mediática da prostitución como unha forma de violencia sexual e polo tanto o veto na prensa aos anuncios que a fomentan.

Respecto á conciliación nas convocatorias de prensa

No ámbito laboral, en representación de traballadoras dos medios e entidades de comunicación, Xornalistas Galegas demanda respecto á conciliación horaria na planificación das convocatorias de prensa, nomeadamente nos casos de actos institucionais ou políticos que non esixen horarios extraordinarios. Estas e outros requerimentos serán recollidos nunha proposición non de lei na que o colectivo está a traballar e que será presentada ao Parlamento de Galicia unha vez iniciada a vindeira lexislatura.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s