O colectivo mantivo unha reunión con Susana López Abella para avaliar o cumprimento da prensa galega coas leis de igualdade e contra a violencia de xénero
Solicitan o acceso público ao informe anual do Observatorio da publicidade non sexista que recolle os apercibimentos aos medios pola difusión de contidos sexistas
A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, vén de solicitar á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia que reforce os mecanismos para garantir o compromiso dos medios coa igualdade entre homes e mulleres. O colectivo, constituído en novembro de 2018 e que conta co apoio de preto de 200 profesionais, trasladou esta demanda á titular do departamento autonómico, Susana López Abella, nunha reunión de traballo na que ambas partes avaliaron o cumprimento da prensa galega coas leis de igualdade e contra a violencia de xénero.
Entre as cuestións abordadas no encontro, as representantes de Xornalistas Galegas ofreceron a colaboración do colectivo coa Secretaría para o rexistro de informacións machistas difundidas polos medios galegos de cara ao contacto cos propios medios para procurar que se revirtan. Así mesmo solicitaron que se permita acceso público ao informe do Observatorio da publicidade non sexista que recolle os apercibimentos incoados pola Secretaría de Igualdade aos medios de comunicación pola difusión de contidos sexistas.
Xornalistas Galegas agradeceu a boa disposición de López Abella á colaboración coa plataforma feminista e amosou o seu total apoio á proposta de formación en xénero para as redaccións e directivas dos medios que lle anunciou a secretaria. Así mesmo comprometeu a súa colaboración naquelas iniciativas nas que o departamento autonómico convide a participar ao colectivo coa fin de promover o cumprimento do marco lexislativo que obriga aos medios de comunicación galegos á promoción da igualdade entre sexos.