O colectivo lembra aos medios a necesidade de contar con profesionais e fontes especializadas neste ámbito e ínstaos a evitar a difusión de contidos que banalicen a problemática ou sostenten discursos misóxinos
Co gallo do 25 N a asociación remite ás redaccións unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática
A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres
profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, reinvidica un tratamento especializado da información sobre violencia de xénero. Neste sentido, o colectivo lembra ás directivas dos medios de comunicación a necesidade de contar con profesionais e fontes especializadas á hora de informar sobre esta problemática.
A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres da comunicación de Galicia, insta ademáis ás cúpulas dos medios de comunicación a evitar a difusión de contidos que banalicen a violencia de xénero, que atenten contra a igualdade entre sexos e a dignidade da muller ou que sosteñan mensaxes misóxinas, tal como recollen os manuais profesionais e deontolóxicos para unha correcta información sobre violencia de xénero.
Para contribuír ao bo facer profesional, co gallo do 25, Xornalistas Galegas vén de remitir ás
redaccións dos medios unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática. Entre as suxestións do colectivo atópanse a Declaración de Compostela impulsada hai agora 14 anos polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia ou a guía do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, así como diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas de ámbito autonómico e estatal. Así mesmo, Xornalistas Galegas lembra tamén que estes textos poden consultarse gratuitamente na rede por todas as persoas interesadas e atópanse dispoñibles na páxina web do colectivo.
Finalmente, seguindo as recomendacións propostas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Xornalistas Galegas chama ao cumprimento das seguintes regras básicas para traballar información sobre violencia machista nas redaccións.
- Acudir a voces expertas en materia xurídica, psicolóxica e policial así como colectivos feministas para contextualizar o problema social da #ViolenciaMachista.
- Facilitar información útil e de servizo ás mulleres afectadas e incorporar sempre o teléfono de información gratuito 016, clarexando que non deixa pegada na factura.
- Estas agresións deben enfocarse como unha violación dos Dereitos Humanos, e como un
atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas. - Titular con rigor. Evitar expresións que atenúen a responsabilidade criminal dos
maltratadores ou asasinos. - Identificar o agresor como único responsable. Obviar os comentarios que culpen á vítima
ou banalicen a agresión. - Rexeitar detalles morbosos e imaxes que poñan en perigo a integridade física ou
psicolóxica da agredida. - Impedir a difusión de informacións que presenten a muller nun papel subalterno ou
dependente. - Divulgar as mobilizacións de rexeitamento á violencia machista convocadas polos
colectivos feministas, apelando á responsabilidade social dos medios de comunicación para contribuír a erradicala.