Xornalistas Galegas chama os medios a informar sobre o aumento da precariedade social e laboral das mulleres tras dous anos de pandemia

O colectivo remite ás redaccións unha compilación de informes e ferramentas de organismos internacionais que evidencian o incremento da desigualdade entre sexos

Co gallo do Día da Muller, a asociación promove o cancelo #8MninUnPasoAtrás en redes

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, chama os medios a informar sobre o aumento da precariedade social e laboral das mulleres tras dous anos de pandemia da covid 19. Para contribuir a esta tarefa, co gallo da conmemoración do 8M, Día Internacional da muller, o colectivo vén de remitir ás redaccións unha compilación de informes e ferramentas de organismos internacionais que evidencian o incremento da desigualdade entre sexos por mor desta crise.

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, apela á responsabilidade social dos medios ante o agravamento da discriminación das mulleres e lembra o seu carácter de servizo público para esixir a defensa do ben común, neste caso a igualdade entre homes e mulleres.

Do mesmo xeito, Xornalistas Galegas, reivindica a perspectiva feminista nos medios para visibilizar accións en favor da igualdade e outorgar á figura das mulleres a relevancia social que lles corresponde, especialmente no contexto de pandemia. Así mesmo, e focalizando na profesión xornalística, o colectivo reivindica unha mellora das condicións laborais nos medios de comunicación, que permitan avanzar na plena consecución dos dereitos reais das súas traballadoras.

Para subliñar estas demandas, a asociación promove en redes sociais o cancelo #8MninUnPasoAtrás e aglutina baixo ela algunhas das ideas máis relevantes que se extraen da documentación remitida ás redaccións.

Listado de referencias documentais

Xornalistas Galegas urxe á creación dun departamento de xénero nos medios de comunicación de Galicia

A asociación incide na necesidade inmediata dunha figura transversal para evitar a publicación de contidos machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero

O colectivo vén de impulsar recentemente unha iniciativa no Parlamento de Galicia para garantir o cumprimento nos medios das leis de igualdade entre mulleres e homes

A asociación Xornalistas Galegas urxe aos medios de comunicación de Galicia a incorporar unha figura ou departamento transversal que vele pola perspectiva de xénero nas informacións e contidos difundidos ao público, co fin de evitar a propagación de mensaxes e situacións machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero, incluída a prostitución.

O colectivo amosa a súa preocupación pola frecuente propagación de contidos e pezas informativas sen perspectiva feminista nos medios galegos, con maior gravidade nos públicos, que deberían servir de exemplo e ser pioneiros na integración dunha figura que vele pola perspectiva de xénero de xeito continuado e rigoroso, antes, durante e despois da difusión de informacións e espazos informativos ou de entretemento.

No último ano, Xornalistas Galegas denunciou a través da súa canle de Twitter decenas de publicacións en medios galegos e estatais carentes de perspectiva de xénero e lembrou en numerosas ocasións a obriga legal por parte das persoas profesionais e responsables dos medios de promover a igualdade entre homes e mulleres. Neste contexto, o colectivo vén de impulsar ante o Parlamento de Galicia unha iniciativa para garantir o cumprimento mediático das leis de igualdade e violencia de xénero, e solicitou á Secretaría Xeral de Igualdade o reforzo de mecanismos que garantan o compromiso dos medios coa perspectiva feminista. A inclusión de voces expertas, tanto nas tertulias como á hora de buscar fontes informativas, é outra das medidas nas que incide Xornalistas Galegas para garantir a igualdade e a perspectiva de xénero nos medios de comunicación, un aspecto co que a asociación considera que quedarían garantidos coa incorporación dunha figura responsable ou departamento de xénero.

Cómplices

Amence escuro xa o terceiro día do 2019. Cáenos o mazazo da primeira asasinada pola violencia machista do ano cando aínda estabamos a asentar o estómago despois de comprobar como a prensa recollía esa mesma mañá un nauseabundo retrato dalgo chamado “calzonazos”. Máis gasolina ao lume machista que se emprega para matar mulleres. Para matarnos.

E será porque o tiñamos como propósito máis urxente do novo ano ou porque unha cousa se sumou coa outra, pero hoxe decidimos non calar máis. A asociación Xornalistas Galegas está aínda a agromar pero non podemos agardar máis para alzar a voz na defensa activa dun xornalismo feminista que loite pola igualdade real entre xéneros. Porque é tarefa inherente aos medios facelo.

A prensa ten a función de formar, informar e entreter e a responsabilidade de contribuír ao ben común, no que se cimentan, por exemplo, as políticas públicas de axudas económicas aos grandes grupos de comunicación. Non pretendan, por tanto, que pidamos por favor o que nos corresponde por dereito: medios –e profesionais- da comunicación rigorosos e honestos que impidan a discriminación de máis da metade da poboación mundial.

É tempo de facer pedagoxía, de explicar que non son violencias simétricas, e que esa violencia de xénero que minimizan opinadores malintencionados sen chisca de rigor nin no fondo nin nas formas que lamentablemente aínda atopan un oco nos nosos medios, afecta a miles de fogares galegos, a mulleres e fillos e fillas. De lembrarlles, lembrarnos a nós, compañeiras e compañeiros xornalistas, que cando publicamos este tipo de artigos somos cómplices dese maltrato, estamos exercendo violencia.

Alba Taladrid

Xornalistas Galegas chama aos medios a non difundir opinións que banalizan a violencia machista

A raíz da publicación dun artigo de opinión por parte de dous medios de comunicación galegos no día de onte, 2 de xaneiro do 2019, que aborda a violencia de xénero cun enfoque trivial,  Xornalistas Galegas chama aos medios a asumir a súa responsabilidade de non difundir informacións nin opinións que banalicen a violencia machista.

Dende o colectivo lembramos, tal como recolle a Declaración de Compostela, que “medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta”. A Declaración subliña tamén que “ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade”,

Seguir lendo “Xornalistas Galegas chama aos medios a non difundir opinións que banalizan a violencia machista”

Xornalistas Galegas reivindica o papel dos medios de comunicación na loita feminista

  • O colectivo participou nunha mesa redonda sobre Sororidade dentro do acto “A Autoorganización como resposta á violencia de xénero” organizado pola Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo

O colectivo Xornalistas Galegas reivindica o papel que deben xogar os medios de comunicación na loita pola igualdade de xéneros e contra a violencia machista. Así quedou de manifesto de novo a pasada semana no acto “A autoorganización como resposta á violencia de xénero”, organizado pola Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, no que o colectivo participou como integrante da mesa redonda sobre Sororidade.

A través da voceira Alba Taladrid, Xornalistas Galegas solicitou ás entidades e axentes que traballan diariamente a prol do feminismo e pola erradicación da violencia machista “un voto de confianza para a prensa amiga” á que representa o colectivo na súa procura dun xornalismo feminista que loite contra o machismo imperante na prensa e pola desaparición definitiva das discriminacións de xénero.

Seguir lendo “Xornalistas Galegas reivindica o papel dos medios de comunicación na loita feminista”