Xornalistas Galegas subscribe un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña colaborará co Observatorio de Medios de Xornalistas Galegas para promover estudos sobre o tratamento da muller nos medios de comunicación. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, mantivo este luns na reitoría un encontro coa nosa socia e compañeira Chus Purriños, despois de que ambas entidades asinasen un convenio de colaboración.

O profesorado das Facultades de Socioloxía e de Ciencias da Comunicación e do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC participará das iniciativas que se desenvolvan ao abeiro do acordo asinado. Promoveránse estudos para analizar e detectar o carácter machista, sexista e non igualitario nos tratamentos informativos, na selección de contidos, nos discursos informativos e na representación da muller na información e a comunicación. Do mesmo xeito, desde o Observatorio de Medios tamén se abordará a desigualdade de xénero que afecta ás mulleres xornalistas dentro das propias empresas de comunicación co fin de facela visible. 

Na actualidade Xornalistas Galegas xa está a colaborar en varias iniciativas coa UDC. A liña de traballo máis avanzada é a elaboración dun estudo sobre a violencia simbólica nos medios de comunicación que está actualmente en proceso de recollida de datos para a súa análise. 

Xornalistas Galegas quere agradecer a boa disposición amosada desde o primeiro momento pola UDC e polo seu reitor Julio Abalde para traballar conxuntamente a prol da visibilización da muller nos medios.

Cómplices

Amence escuro xa o terceiro día do 2019. Cáenos o mazazo da primeira asasinada pola violencia machista do ano cando aínda estabamos a asentar o estómago despois de comprobar como a prensa recollía esa mesma mañá un nauseabundo retrato dalgo chamado “calzonazos”. Máis gasolina ao lume machista que se emprega para matar mulleres. Para matarnos.

E será porque o tiñamos como propósito máis urxente do novo ano ou porque unha cousa se sumou coa outra, pero hoxe decidimos non calar máis. A asociación Xornalistas Galegas está aínda a agromar pero non podemos agardar máis para alzar a voz na defensa activa dun xornalismo feminista que loite pola igualdade real entre xéneros. Porque é tarefa inherente aos medios facelo.

A prensa ten a función de formar, informar e entreter e a responsabilidade de contribuír ao ben común, no que se cimentan, por exemplo, as políticas públicas de axudas económicas aos grandes grupos de comunicación. Non pretendan, por tanto, que pidamos por favor o que nos corresponde por dereito: medios –e profesionais- da comunicación rigorosos e honestos que impidan a discriminación de máis da metade da poboación mundial.

É tempo de facer pedagoxía, de explicar que non son violencias simétricas, e que esa violencia de xénero que minimizan opinadores malintencionados sen chisca de rigor nin no fondo nin nas formas que lamentablemente aínda atopan un oco nos nosos medios, afecta a miles de fogares galegos, a mulleres e fillos e fillas. De lembrarlles, lembrarnos a nós, compañeiras e compañeiros xornalistas, que cando publicamos este tipo de artigos somos cómplices dese maltrato, estamos exercendo violencia.

Alba Taladrid

Xornalistas Galegas chama aos medios a non difundir opinións que banalizan a violencia machista

A raíz da publicación dun artigo de opinión por parte de dous medios de comunicación galegos no día de onte, 2 de xaneiro do 2019, que aborda a violencia de xénero cun enfoque trivial,  Xornalistas Galegas chama aos medios a asumir a súa responsabilidade de non difundir informacións nin opinións que banalicen a violencia machista.

Dende o colectivo lembramos, tal como recolle a Declaración de Compostela, que “medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta”. A Declaración subliña tamén que “ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade”,

Seguir lendo “Xornalistas Galegas chama aos medios a non difundir opinións que banalizan a violencia machista”

Xornalistas Galegas reclama un tratamento cualificado e rigoroso da información sobre violencia de xénero

  • O colectivo remite a profesionais dos medios de comunicación unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática

A Declaración de Compostela impulsada polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia e diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas son algunhas das suxestións para unha formación expresa no ámbito

Santiago, 23 de novembro. A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, lembra ao colectivo de profesionais dos medios de comunicación a necesidade de aplicar un tratamento informativo cualificado e rigoroso ás noticias relacionadas coa violencia de xénero.

A asociación, recentemente constituída e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres da comunicación de Galicia, quere reseñar, co gallo do 25 N, a existencia de manuais de boas prácticas e recomendacións básicas para realizar unha boa cobertura dos casos de violencia contra a muller. Para este fin, o colectivo remite a profesionais dos medios de comunicación unha compilación sobre guías, manuais, decálogos e informes existentes para abordar esta temática.

Seguir lendo “Xornalistas Galegas reclama un tratamento cualificado e rigoroso da información sobre violencia de xénero”

Ribadeo organiza unhas xornadas para atallar a violencia de xénero dende o ámbito local

A localidade lucense de Ribadeo acolle os días 21 e 22 de setembro a décimo primeira edición das Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local, baixo o lema “Reafirmando estratexias”.

Xustiza patriarcal, violencia simbólica, o sistema de desigualdade e as estratexias para combater as violencias machistas dende a autodefensa feminina son algúns dos temas que se porán sobre a mesa.

Contarán con experiencias persoais de empoderamento de superviventes da violencia e profundizarán en asuntos de actualidade como as sentenzas de La Manada ou Juana Rivas e as diversidades afectivo-sexuais e identidades de xénero na escola.

Entre as novidades desta edición desenvolveranse actividades lúdicas para os máis pequen@s coa finalidade de educar, sensibilizar e axudar á conciliación.

As Xornadas de Abordaxe da Violencia de Xénero están firmemente consolidadas e contribúen a tecer redes de colaboración na loita para a erradicación das violencias contra as mulleres. Están organizadas polo Concello de Ribadeo e o Centro de Información á Muller. A asistencia é gratuita o prazo de inscrición está aberto ata o 19 de setembro.