Xornalistas Galegas chama aos medios a non difundir opinións que banalizan a violencia machista

A raíz da publicación dun artigo de opinión por parte de dous medios de comunicación galegos no día de onte, 2 de xaneiro do 2019, que aborda a violencia de xénero cun enfoque trivial,  Xornalistas Galegas chama aos medios a asumir a súa responsabilidade de non difundir informacións nin opinións que banalicen a violencia machista.

Dende o colectivo lembramos, tal como recolle a Declaración de Compostela, que “medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta”. A Declaración subliña tamén que “ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade”,

É mais, este artigo vulnera directamente os marcos lexislativos, o estatal e o autonómico,  que regulan o papel dos medios na procura da igualdade entre mulleres e homes. A Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, e a Lei 11/2007 de 27 de xullo, para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero, recollen capítulos específicos onde se sinala que os medios evitarán contidos que banalicen a violencia de xénero, ou “nos que se conteñan, tácita ou implicitamente, mensaxes misóxinos”.

Xornalistas Galegas entende que a publicación de calquera información ou opinión que supoña unha banalización da violencia de xénero supón unha falta de compromiso coa responsabilidade ética e xornalística de fuxir da neutralidade diante deste tipo de violencia.

No ano 2018, 47 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas, 3 delas en Galicia, tal como sinalan as cifras oficiais, que non contabilizan os asasinatos de mulleres por parte de homes como violencia de xénero sen a existencia dese vínculo.

Tamén hoxe, terceiro día do 2019, unha muller da localidade cántabra de Laredo acábase de converter na primeira vítima mortal do ano nun novo caso de violencia machista.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: