Cómplices

Amence escuro xa o terceiro día do 2019. Cáenos o mazazo da primeira asasinada pola violencia machista do ano cando aínda estabamos a asentar o estómago despois de comprobar como a prensa recollía esa mesma mañá un nauseabundo retrato dalgo chamado “calzonazos”. Máis gasolina ao lume machista que se emprega para matar mulleres. Para matarnos.

E será porque o tiñamos como propósito máis urxente do novo ano ou porque unha cousa se sumou coa outra, pero hoxe decidimos non calar máis. A asociación Xornalistas Galegas está aínda a agromar pero non podemos agardar máis para alzar a voz na defensa activa dun xornalismo feminista que loite pola igualdade real entre xéneros. Porque é tarefa inherente aos medios facelo.

A prensa ten a función de formar, informar e entreter e a responsabilidade de contribuír ao ben común, no que se cimentan, por exemplo, as políticas públicas de axudas económicas aos grandes grupos de comunicación. Non pretendan, por tanto, que pidamos por favor o que nos corresponde por dereito: medios –e profesionais- da comunicación rigorosos e honestos que impidan a discriminación de máis da metade da poboación mundial.

É tempo de facer pedagoxía, de explicar que non son violencias simétricas, e que esa violencia de xénero que minimizan opinadores malintencionados sen chisca de rigor nin no fondo nin nas formas que lamentablemente aínda atopan un oco nos nosos medios, afecta a miles de fogares galegos, a mulleres e fillos e fillas. De lembrarlles, lembrarnos a nós, compañeiras e compañeiros xornalistas, que cando publicamos este tipo de artigos somos cómplices dese maltrato, estamos exercendo violencia.

Alba Taladrid

Deixar un comentario