A xornada celebrada o sábado 5 urxiu máis recursos e formación xudicial e sanitaria para protexer as vítimas de violencia de xénero
Towanda Rebels e Feminista Ilustrada recoñecen o papel crucial das RRSS para impulsar o movemento feminista
O municipio de Barbadás converteuse o pasado sábado en capital galega da igualdade coa celebración da II Romaría Feminista, na que interviñeron representantes públicas, comunicadoras, deportistas e activistas e investigadoras que falaron do papel trascendental xogado polas redes sociais para impulsar o feminismo e convertelo nun movemento transversal que implica a mulleres de todas as idades.
A xornada deixou clara a necesidade de proporcionar formación específica a maxistradas e maxistrados en activo, establecer protocolos no ámbito sanitario para garantir unha rigorosa atención ás vítimas de violencia de xénero ou agresións sexuais e de buscar mecanismos para incrementar a presenza de mulleres nas federacións deportivas para intentar correxir discriminacións en materia salarial ou de recursos.
A nosa compañeira e socia Silvia Vieito foi a encargada de moderar a mesa titulada “A muller no deporte”, na que Marta Bobo, Carmen Cid “Witch”, Merce Barrientos e Lorena Novas falaron do teito de cristal que soportan as mulleres deportistas, a ausencia de medios, as diferenzas salariais e os estereotipos que persisten sobre a súa imaxe. “Aínda non se acepta que o corpo das mulleres deportistas é un medio e non a fin en sí mesma”, denunciaron nunha interesante charla na que advertiron que, pese a idea que poda terse, “o número de mulleres que fan deporte a nivel competición mantense invariable dende hai 30 anos”, situación que atribúen en parte á falta de apoios públicos, patrocinadores, cobertura mediática e sensibilización dende as escolas.